Skip to main content

Investigadores predoutorais do CiTIUS presentan os seus traballos de xeito divulgativo na xornada ‘T3M: a túa tese en tres minutos’

A xornada ‘T3M: a túa tese en tres minutos’ reúne unha serie de presentacións nas que investigadores predoutorais do Centro singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS) exporán o seu traballo de investigación nun tempo reducido (3 minutos) e a través dun discurso sinxelo e divulgativo. Esta formato provén da Universidade de Queensland (Australia) e actualmente celébrase nas principais universidades do mundo.

O acto será avaliado por un tribunal externo, que premiará aos participantes con maior capacidade para comunicar a súa investigación diante dun público non especializado. Integrarano Javier Pedreira (Wicho), co-autor do Blog Microsiervos e responsable de informática dos museos científicos da cidade de A Coruña; Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Facultade de Física da USC e divulgador da ciencia; e o enxeñeiro mecánico Christian Larsson, CEO e socio fundador de Larpro Engineering.

A planificación da xornada, que estará aberta ó público, comezará este xoves 24 no CiTIUS ás 9.30 horas co acto de inauguración. Deseguido, entre as 10.00 e as 11.30 horas celebrarase unha primeira quenda de presentacións. Haberá outras dúas, entre as 12.00 e as 14.00 horas e de 16.00 a 17.00 horas. Esta actividade enmárcase dentro do programa de doutoramento interuniversitario en Tecnoloxías da Información, que conta coa Mención de Calidade do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) dende a convocatoria de 2004.

The contents of this page were updated on 07.23.2014.