Skip to main content

Unha iniciativa para a produción de extractos de algas das costas galegas aplicando ultrasons, premio Base Tecnolóxica do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC

A entrega de premios realizouse nun acto protocolario en San Xerome. Premiados e autoridades pasaron para os medios de comunicación Foto: Santi Alvite
A entrega de premios realizouse nun acto protocolario en San Xerome. Premiados e autoridades pasaron para os medios de comunicación Foto: Santi Alvite

O proxecto Celtalga Extract é o gañador do Premio Base Tecnolóxica do XIV Concurso de Proxectos Empresariais da USC, unha iniciativa que aposta pola produción de extractos de algas procedentes das costas galegas aplicando a tecnoloxía de ultrasons. Como explicaron os seus promotores, Marivel Sánchez Guerrero e Jorge Sineiro Torres do Departamento de Enxeñaría Química, o extracto de alga empregarase na industria cosmética, fundamentalmente como principio activo nas súas formulacións. O premio recibido inclúe unha dotación de 2.000 euros e a posibilidade de acadar ata 24.000 euros de financiamento a través dun préstamo participativo. Nunha sesión presidida polo reitor Juan Viaño e na que tamén estivo presente o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, tamén se entregaron o premio Muller Emprendedora a Chemantec, de servizos de ensaios técnicos e de consultaría dirixidos a comprobar a calidade e seguridade dos produtos consumidos polos/as usuarios/as finais, e o premio Empresa Xove a MD.Use!, unha consultaría a medida para a aplicación e Dinámica Molecular para a Simulación Computacional de sistemas biolóxicos, químicos ou nanosistemas. Celtalga Celtalga é un proxecto spin-off que prevé constituírse en breve como empresa. O proceso de extracción foi deseñado pola investigadora e promotora principal desta spin-off, Marivel Sánchez, e está sustentando en tecnoloxía de ultrasons protexida por patente. No proceso de extracción, as ondas axitan a mostra somerxida nun disolvente orgánico. Despois, sepárase por centrifugación e filtración do disolvente cos compostos extraídos. Como explica Sánchez Guerrero, a técnica acurta o tempo de extracción posto que se emprega un incremento de presión, o que “facilita a penetración e o transporte dos compostos, así como o incremento da temperatura que favorece a difusividade”. A investigadora sinala que “estamos a falar dun proceso eficiente, que presenta un menor custe e tempo, ademais de ser ambientalmente limpo”. Chemantec Este proxecto xa se constituíu como spin-off o pasado mes de decembro, procedente do grupo de investigación de materiais en contacto con alimentos do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Farmacia. Na súa concepción, Chemantec é unha empresa de seguridade alimentaria con servizos dirixidos principalmente ao sector alimentario, envasado e embalaxe e outros produtos cuxo contacto co consumidor poida supoñer algún risco para a saúde. Promoven este proxecto Cristina Casal Romero, Patricia Blanco Carro, Gonzalo Hermelo Vidal, Raquel Sendón García, e Ana Rodríguez Bernaldo de Quirós. MD.Use! Este é un proxecto vinculado ao grupo de Materia branda e biofísica molecular do doutor Ángel Piñeiro que prevé constituírse en empresa ao longo do presente semestre. A idea de negocio consiste na prestación de servizos de consultaría para a aplicación da dinámica e modelado molecular como alternativa e complemento dos métodos experimentais tradicionais para optimizar a xeración de hipóteses válidas, o uso de procedementos adecuados e a interpretación dos resultados obtidos. Polo tanto, explican os seus promotores Rebeca García Fandiño e Edgar Mixcoha, realizaranse servizos de consultaría a medida do cliente na aplicación da dinámica molecular para a simulación computacional de sistemas biolóxicos, químicos e nanosistemas. Engaden que a vantaxe de empresas esta dinámica son os resultados dinámicos, “moitas veces con poderes preditivos”, ademais de que “ incrementa a capacidade de cómputo e a facilidade de acceso ao mesmo”. Concurso de proxectos A USC impulsa este concurso co obxectivo de apoiar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, titulados/as e/ou investigadores/as de calquera das tres universidades galegas, así como dos centros asociados da Uned emprazados en Galicia, ademais de fomentar a innovación empresarial e a xeración de emprego. Na selección de proxectos premiados, o xurado valorou a viabilidade dos proxectos, o grao de innovación do produto, proceso ou servizo, o volume de emprego proxectado, o carácter multidisciplinar do equipo promotor e a presenza de políticas de igualdade. O xurado encargado O xurado deste concurso estivo integrado por José Alberto Díez de Castro; Carlos Hernández Sande; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a xefa do Servizo de Fomento da Contratación, María Villa Catalán Paradient; a directora da Cátedra Doctor Jaime Vera de Emprendemento Social da USC, Elena Vázquez Cendón; a directora do Centro de Estudos Avanzados, Mª Xosé Rodríguez Galdo; o director de investimentos de Xesgalicia, José Manuel Ortigueira; e a director da Área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo Rey. No acto de entrega tamén participaron as vicerreitoras de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social e de Investigación e Innovación, Dolores Álvarez Pérez e Isabel Rodríguez-Moldes Rey; a subdirectora xeral de Xestión Técnico-Administrativa e Orzamentaria da Secretaría Xeral da Igualdade, Mª Fe Alvedro Riveiro; e o director do programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández Sande. Marivel Sánchez Guerrero e Jorge Sineiro Torres, de Celtalga Extract. Foto: Santi Alvite Rebeca García Fandiño e Edgar Mixcoha recibiron o galardón de mans do reitor Juan Viaño. Foto: Santi Alvite O grupo promotor de Chemantec xunto con Mª Fe Alvedro, á dereita da imaxe. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 07.04.2014.