A Facultade de Historia recupera os soños, as loitas e as esperanzas das vítimas da ditadura militar arxentina
Logo de percorrer París, Madrid, Barcelona, Granada, Alacante, León e toda Arxentina chegou a Santiago a mostra ‘Eles queren contarnos’, un proxecto da Fundación Madres de Plaza de Mayo - Línea Fundadora e a Secretaría de Cultura da República Arxentina que conta, a través das pancartas empregadas polas nais da Praza de Maio nas súas protestas, sesenta historias de vida de vítimas da última ditadura militar. A exposición, que permanecerá ata mediados de decembro no claustro da Facultade de Xeografía e Historia, inaugurouse este venres nunha xornada de reflexión que comezou coa proxección do documental ‘No me olvides’, que recupera a historia da familia Molfino como síntese audiovisual dos crimes da última ditadura militar en Arxentina: unha nai secuestrada en Perú, levada á ESMA e finalmente asasinada en Madrid; varios fillos desaparecidos e un neto roubado e finalmente recuperado. Á peza audiovisual seguiulle un coloquio no que participaron a secretaria de Cultura da República Arxentina, Fabiana Almeida; o conselleiro de Dereitos Humanos da Embaixada de Arxentina en España, Carlos María Duhalde; e a representante de Madres de Plaza de Mayo Línea Fundadora, Tati Almeida. Carteis reivindicativos As pezas gráficas da exposición están compostas por fotografías dos detidos-desaparecidos, fragmentos de poemas e cartas e fotos das súas familias, entre outros materiais, que pretenden estimular a reflexión da xente nova e convidala a construír as súas propias imaxes e pensamentos a partir das historias de vida e de militancia dalgúns dos trinta mil desaparecidos durante a ditadura cívico-militar arxentina. A mostra inaugurouse nun acto que contou coa participación do vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa; o decano da Facultade, Juan Monterroso; o cónsul xeral da República Arxentina en Vigo, Roberto Gudiño; a directora do Centro de Estudos Interdisciplinarios de América ‘Gumersindo Busto’, Pilar Cagiao Vila; e o director do Departamento de Historia Contemporánea e de América, Lourenzo Fernández Prieto.