Skip to main content

A residencia Bal e Gay celebra este xoves o acto académico de imposición de becas e insignias aos universitarios máis antigos

Xosé Manuel Beiras apradiñará esta nova promoción de residentes nunha cerimonia na que tamén se entregarán os premios dos concursos e torneos celebrados no centro

A residencia universitaria Jesús Bal e Gay celebrará o vindeiro xoves, día 2 de maio, a cerimonia académica de imposición de becas e entrega de insignias a aqueles estudantes universitarios que leven alomenos tres anos residindo no centro ou que estean en disposición de rematar os seus estudos ao longo do presente curso.

Este acto académico comezará a partir das 20.15 horas e desenvolverase no salón de actos da residencia Bal e Gay, o único centro do Sistema Universitario de Residencias da Universidade de Santiago de Compostela emprazado no campus lugués e que este ano está a conmemorar o décimo oitavo aniversario da súa entrada en funcionamento. O voceiro de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) no Parlamento galego, Xosé Manuel Beiras, participará neste acto universitario en calidade de padriño desta nova promoción de estudantes universitarios/as que previsiblemente rematarán nuns meses a súa estadía na residencia Bal e Gay. O director da residencia Bal e Gay, Xesús Feás, sinalou que, no transcurso deste acto académico, que contará tamén coa presenza de diversas autoridades académicas da Universidade de Santiago de Compostela, así como doutros responsables e cargos políticos tamén convidados, procederase á entrega de premios aos gañadores dos concursos e dos torneos deportivos organizados na residencia ao longo do curso 2012-2013. O ex director da residencia universitaria da residencia Bal e Gay e atual vicedecano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, Fernando Losada, tamén recibirá neste acto a súa correspondente beca, unha imposición simbólica coa que o actual equipo de dirección do centro, así como os traballadores e os propios estudantes dea residencia universitaria recoñecen o traballo feito por Losada.

Ao remate do acto académico de imposición de becas e insignias na residencia universitaria Bal e Gay, unha cerimonia que está aberta á participación de familiares e amigos dos estudantes homenaxeados, así como do público interesado, servirase un viño de confraternidade.

The contents of this page were updated on 04.30.2013.