A Politécnica acolle este xoves unha cata de viños feitos con uva obtida en distintos ensaios que hai en Galicia
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo acubillará o vindeiro xoves, día 2 de maio, unha xornada de cata de consumidores, na que os asistentes poderán degustar diversos viños elaboradoras a partir da uva obtida nos distintos campos de ensaio que hai distribuídos por Galicia.
Esta sesión de cata, organizada polo equipo de Fertirrigación e Necesidades Hídricas do Grupo de Investigación Proxectos e Planificación da Universidade de Santiago en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Ingacal), desenvolverase en dúas sesións, que comezarán ás 17.00 e as 18.00 horas, rspectivamente, na cafetería da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Nesta ocasión, os participantes nesta cata, cuxo aforo de participantes é limitado, valorarán distintas variedades de godello e de treixadura.
Esta xornada de cata de consumidores será aberta ao público e encádrase dentro das actividades ideadas ao abeiro do proxecto de investigación Influencia de diferentes prácticas culturais no estado hídrico das vides do Noroeste de España: valoración agronómica e económica. Esta investigación, financiada nun 80% con recursos do Feder a través Instituto de Investigacións Agropecuarias (INIA), prevé a cata de todos os viños elaborados a partir da uva obtida nos distintos ensaios desenvolvidos, tanto de variedades brancas como tintas.