Skip to main content

Comeza o luns a Semana da Ciencia en Galego na USC con actividades nas bibliotecas Xeral e Intercentros

Por terceiro ano consecutivo, a USC únese á celebración o 4 de novembro do Día da Ciencia en Galego, nesta ocasión centrada na Arte e a ciencia e na Estatística e dedicada ao arquitecto Richard Buckminster, á enfermeira Florence Nightingale e ao intelectual e artista galego creador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo. As actividades comezan este luns 4 en Santiago e Lugo. A Biblioteca Xeral de Santiago instalará ata o venres 8 o centro de interese ‘Isaac Díaz Pardo: arte, industria e comunicación’, unha pequena mostra bibliográfica seleccionada entre as máis de trescentas referencias que se poden atopar no catálogo do centro, á vez que abre un espazo virtual no seu blogue sobre este persoeiro. Pola súa banda, a Biblioteca Intercentros do campus de Lugo e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC celebran o luns 4, a partir das 19.00 horas, unha xincana bibliográfica centrada na vida e no legado das tres persoas ás que rende homenaxe este ano. Trátase dun torneo no que un máximo de dez equipos terán que resolver actividades relativas á localización de documentos impresos ou dixitais relacionados cos homenaxeados tales como libros, vídeos, imaxes ou podcast e cuestións sobre trámites electrónicos de préstamo ou reserva de material. Conferencias divulgativas

Ademais, do 4 ao 6 de novembro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca persoal de diversos centros do Campus de Santiago impartirán ás 20:00 horas unha serie de conferencias divulgativas sobre cada unha das temáticas do Día da Ciencia en Galego 2013. O ciclo ‘Nunha relación aberta: Arte e Ciencia’ comeza o luns 4 coa intervención de Julián Flores, do Departamento de Electrónica e Computación, titulada ‘Dende o ordenador ao artista’.

The contents of this page were updated on 10.31.2013.