A Real Sociedade Española de Física outorga a Jorge Mira o seu premio anual na modalidade de Ensinanza e Divulgación da Física
O profesor Jorge Mira acaba de ser galardoado co Premio da Real Sociedade Española de Física 2012, na modalidade de Ensinanza e Divulgación da Física, en recoñecemento ao seu “labor pedagóxico de gran calidade e a súa destacable actividade no campo da divulgación científica”. Este é o segundo premio en importancia dos outorgados polo principal órgano da Física en España, despois da Medalla de Ouro desta Real Sociedade. O xurado dos premios quixo con este galardón recoñecer no catedrático da USC o labor desenvolvido a prol da divulgación científica e pedagóxica, ámbito no que Jorge Mira desenvolve programas de “gran prestixio e difusión, sobre todo na Comunidade de Galicia”, destaca o ditame do xurado, aínda que tamén no ámbito estatal “con gran impacto nos medios de difusión, reflectido en programas de radio, televisión e artigos de prensa”. O premio, que se entregará proximamente en acto público en Madrid, é o terceiro de relevancia no eido da divulgación científica que recibe nos últimos tres anos o docente da Facultade de Física, logo da Medalla de Honra Ciencia en Acción (2010) e o Premio Savirón en 2011.