Skip to main content

O Ibader acolle o venres o Curso de Especialización en Xestión de Residuos Xerados nas Explotacións Agrogandeiras e nas Industrias Agrarias de Transformación

O catedrático da USC Felipe Macías ofrecerá a ponencia inaugural baixo o título ‘Xestión de residuos e cambio climático’

O catedrático do Departamento Edafoloxía e Química Agrícola da USC Felipe Macías Vázquez abrirá o venres 11, ás 17.00 horas na sede do Ibader, o Curso de Especialización en Xestión de Residuos Xerados nas Explotacións Agrogandeiras e nas Industrias Agrarias de Transformación, cun relatorio inaugural que se desenvolverá baixo o título ‘Xestión de residuos e cambio climático’. Este curso de posgrao organizado polo Ibader, que este ano acada xa a súa sétima edición, estrutúrase en 200 horas de formación teórica e práctica. As sesións formativas serán impartidas na aula da propia sede do Ibader todos os venres, ata finais de xuño, en horario de 16.30 a 20.30 horas, a fin de facer compatible o curso coas ocupacións profesionais dos alumnos. O Curso de Especialización en Xestión de Residuos Xerados nas Explotacións Agrogandeiras e nas Industrias Agrarias de Transformación reunirá ao longo dos vindeiros meses na sede do Ibader a boa parte dos profesionais das universidades galegas, así como da Administración e incluso da empresa privada, que traballan na xestión dos puríns, segundo salientou a directora do Ibader e codirectora deste curso, Elvira López Mosquera.

The contents of this page were updated on 01.10.2013.