O Paraninfo da Universidade abre ás súas portas aos acordes dunha nova edición do Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega de Lírica
O Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega da Lírica inicia este luns 14 á súa edición número quince. Este certame que a Asociación Galega da Lírica organiza en colaboración coa USC, constará de once concertos que se celebrarán ata o mes de marzo. Case cincuenta novos músicos galegos e residentes en Galicia intervirán nestes concertos que comezarán ás 20.00 horas e nos que a entrada, como xa é habitual, será libre. Novos músicos de toda Galicia intervirán nun ciclo no que a música de cámara será a protagonista e na que se poderán escoitar intérpretes dunha gran variedade de instrumentos (piano, violín, clarinete, violoncello, saxofón, óboe, fagot, percusión, ou acordeón entre outros), canto e grupos de cámara, algún deles pouco habituais (trío de violín, cello e piano; dúo de saxofón e percusión; quinteto de ventos; cuarteto de cordas con piano; dúo de frauta e percusión, ...). O piano, coa presenza de dous vigueses, será o protagonista da xornada inaugural que este luns 14 se celebrará no Paraninfo da USC (Facultade de Xeografía e Historia). A primeira parte deste concerto corresponderá a Laura Zapatero Carreiro, pianista viguesa de 18 anos que cursa actualmente o grao superior deste instrumento no Conservatorio Superior de Música da súa cidade natal con Rasa Biveiniene. Foi xa merecedora de premios e mencións de honra nos concursos David Russell (Vigo), Fundao (Portugal) e Vilapraia de Ancora (Portugal). O programa que seleccionou para a ocasión inclúe dúas obras de Chopin (un estudo e un scherzo) e unha sonata para piano de Mozart. A segunda parte corresponderalle a outro pianista, Brais Álvarez. Tamén nado en Vigo, completou a súa formación no Mozarteum de Salzburgo, cun activo e polifacético perfil musical que ademais do piano, abrangue a frauta e a composición. Atesoura xa unha importante experiencia concertística e tamén diversos premios en prestixiosos e numerosos concursos entre os que compre salientar os primeiros premios acadados no Concurso Internacional de Piano do Real Clube Náutico de Vigo, no Concurso Internacional Ricard Viñes 2004, no Concurso da Asociación Galega de Interpretes 2004 e no IV Concours International de Piano Nikolai Rubinstein de París 1999. Brais Álvarez interpretará para pechar esta xornada inaugural do Ciclo de Novos Intérpretes unha esixente obra como é a versión orixinal para piano dos famosos Cadros dunha exposición do compositor ruso Modest Mussorgski.