Skip to main content

O Campus de Lugo presentou os seus servizos nunha xornada de benvida

Estudantes nunha sesión de bailes latinos
Estudantes nunha sesión de bailes latinos
O reitor da USC, Antonio López, participou este luns no acto institucional de benvida ao novo estudantado do campus de Lugo, no que agarda que os títulos en Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía e Xestión...
Lugo

O alumnado universitario de novo ingreso nas titulacións de grao impartidas pola USC no campus de Lugo aumentou este curso preto dun 10% respecto do exercicio anterior, o que permitiu que se cubriran o 75% das prazas ofertadas, salientou este luns o reitor da USC no acto institucional de benvida aos centenares de novos estudantes que comezan este curso a súa andaina universitaria na sede universitaria luguesa.

“O novo curso da USC no campus de Lugo comeza ben, moi ben”, afirmou Antonio López, para logo engadir que “á ilusión propia de cada inicio de curso cómpre sumar este ano que as estatísticas de matrícula de alumnado de novo ingreso en títulos de grao medrou en arredor de 70 estudantes”. Este crecemento da demanda constata que a implantación dunha titulación nova como é o grao en Robótica en Lugo foi unha decisión acertada e un éxito de matrícula, unha situación que agardamos teña continuidade na sede universitaria luguesa o próximo curso 2020-21 coa implantación dos novos títulos de grao en Bioquímica (Facultade de Ciencias), Empresa e Tecnoloxía (Facultade de Administración e Dirección de Empresas) e Xestión Cultural (Facultade de Humanidades) nos que xa se está a traballar desde a institución académica”.

Á marxe das estatísticas de alumnado de grao, cuxa cifra definitiva se coñecerá unha vez remate o último prazo de matrícula habilitado pola, o reitor da USC trasladou os seus parabéns aos mozos e mozas reunidos este luns no vestíbulo da Facultade de Veterinaria por “ter elixido a USC, unha universidade con historia, pero que tamén traballa para estar á vangarda e para tratar de dar resposta aos constantes cambios e novas necesidades sociais”.

López lembrou tamén ao estudantado a igualdade de oportunidades que lles ofrece a USC como universidade pública que é, ao tempo que lle pediu á mocidade presente que aproveitara esta oportunidade para “gozar dos mellores anos da vida sen que ninguén se esqueza de cumprir os seus respectivos obxectivos e así, no futuro, poder devolver á sociedade o esforzo feito para manter a universidade pública”.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, abundou nas agarimosas mensaxes de benvida ao novo alumnado universitario de Lugo, “o mellor campus do mundo”, enfatizou a alcaldesa Lara Méndez, quen tamén convidou aos mozos e mozas a contribuír co seu empadroamento na cidade a que o Concello de Lugo poida superar a cifra de 100.000 habitantes.

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, e o delegado da Xunta de Galicia na provincia, José Manuel Balseiro, que tamén participaron neste acto institucional de benvida aos novos estudantes chegados ao campus de Lugo, reiteraron a excelencia académica e científica desta sede universitaria, ao tempo que puxeron en valor a intensa colaboración que manteñen as administracións que representan coa USC e, en particular, coa sede universitaria luguesa.

Presentación de servizos

Centos de universitarios chegados este curso aos distintos centros universitarios do campus de Lugo participaron este luns na xornada de acollida organizada no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, unha sesión durante a que responsables e persoal dos distintos servizos, programas e actividades lúdicas, culturais e de lecer que desenvolve a USC na sede universitaria luguesa presentaron ao novo alumnado a súa oferta nos distintos postos informativos instalados.

Área de Cultura, Área de Orientación Laboral, Biblioteca Intercentros, Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (Cactus), Centro de Linguas Modernas, Oficina de Desenvolvemento Sostible, Oficina de Igualdade de Xénero, Oficina de Relacións Externas, Servizo de Deportes, Servizo de Normalización Lingüística e Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu), Oficina de Cultura foron os verdadeiros protagonistas desta xornada, na que tamén houbo tempo para gozar dun diverso programa de actividades culturais, entre as que non faltaron a animación musical e os bailes latinos.

Exposición de servizos universitarios do campus de Lugo De esquerda a dereita, Balseiro, Tomé, López, Méndez e Valcárcel, na xornada de benvida ao novo alumnado do campus de Lugo

The contents of this page were updated on 12.23.2019.