Skip to main content

Remata no Paraninfo o ciclo das sonatas para violín e piano de Beethoven

O Paraninfo da Universidade acolle este martes 19 o último concerto do ciclo monográfico sobre as dez sonatas para violín e piano que compuxo Beethoven entre 1799 e 1812. Nesta ocasión, a violinista Beatriz Junco e a pianista Alicia González Permuy interpretarán as sonatas 2, 5 e 10. O recital será ás 20.00 horas con entrada libre. A USC, espazo para a música clásica O ciclo que agora se clausura colle o relevo da vocación divulgativa dos antigos Xoves Musicais, postos en marcha hai moitos anos polos profesores da USC José López Calo e Carlos Villanueva cando o panorama musical de Galicia era aínda precario e grazas aos que a sociedade compostelá tivo a oportunidade de gozar de ciclos monográficos. O labor de axitadora cultural, especialmente no eido musical, que leva desenvolvendo a USC dende hai décadas completábase coa constitución do Coro Universitario e do xa desaparecido Grupo de Cámara “In Itínere”, xunto coa programación dunha ducia de edicións das Xornadas de Música Contemporánea e de innumerables ciclos monográficos de música de cámara.

Na actualidade a institución continúa na procura de fórmulas que permitan manter a súa oferta musical e mesmo recuperar accións desaparecidas. Así, á creación no curso 2011-12 do Espazo de Cámara coa súa propia orquestra baixo a dirección de Mario Diz ou os esforzos do Coro Universitario, dirixido por Miro Moreira, por presentar anualmente brillantes programas de repertorio barroco, únese a colaboración con outras institucións para organizar, por exemplo, os tres ciclos de Formacións de Cámara da Real Filharmonía de Galicia, os 14 de Novos Intérpretes coa Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza, as máis recentes coorperacións coa Escola de Altos Estudos Musicais, co Conservatorio Profesional de Santiago e coa Asociación de Amigos da Ópera ou o traballo conxunto co Auditorio de Galicia e co Centro Galego de Arte Contemporánea para recuperar as Xornadas de Música Contemporánea.

The contents of this page were updated on 02.18.2013.