Skip to main content

Expertos europeos e americanos revisan coñecementos sobre a vitamina D

O reitor Juan Casares presidiu este encontro científico (Foto: SERVIMAV)
O reitor Juan Casares presidiu este encontro científico (Foto: SERVIMAV)

Especialistas de universidades e centros hospitalarios de España, Austria e Estados Unidos actualizan este xoves no Edificio Docente ‘Roberto Novoa Santos’ da USC os coñecementos actuais sobre a vitamina D. A xornada, organizada conxuntamente pola USC, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Iberoamericana de Nutrición, coordínana os docentes da USC e doutores do CHUS Rafael Tojo e Rosaura Leis e o catedrático da Universidade de Granada, Ángel Gil. O reitor Juan Casares Long inaugurou o encontro nun acto no que ademais dos coordinadores participaron o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Juan J. Gestal Otero; o responsable da Área asistencial de Pediatría, José María Martinón; e o xerente de Xestión integrada do CHUS, Luis Verde Remeseiro. A continuación desenvolvéronse diferentes relatorios sobre cuestións como a pandemia da deficiencia de vitamina D; os requirimentos no embarazo, a lactación, a nenez e a adolescencia; a deficiencia da vitamina e a súa relación coa osteoporose; a súa posible asociación á obesidade, á diabete mellitus e as enfermidades cardiovasculares; o seu potencial na prevención e o tratamento do cancro; ou o deseño de análogos activos.

Eses e outros temas son obxecto de análise por parte do experto do Departamento de Pediatría do Colexio Universitario de Medicina Baylor e do Hospital de Nenos de Texas de Houston (EE.UU.), Steven A. Abrams; o presidente da Unión Internacional da Ciencia Nutricional e profesor da Universidade de Viena (Austria), Ibrahim Elmadfa; o director do Grupo de Investigación GENUD (Growth, Exercise, Nutrition and Development) da Universidade de Zaragoza, Luis Moreno; e os profesores da USC e doutores no CHUS de múltiples especialidades Manuel Caamaño, José Castillo, Juan José Gómez-Reino, Rafael López, Antonio Mouriño e Román Pérez.

The contents of this page were updated on 02.14.2013.