Unha mostra fotográfica reflexiona sobre a importancia que ao longo da historia tivo a Vía Láctea como guía de peregrinos a Compostela
A mostra fotográfica ‘Vía Láctea, guía de Peregrinos a Galicia’ reúne 40 láminas gran formato realizadas en aluminio seleccionadas do libro editado por Lúdica7 Galicia un lugar mágico para contemplar las estrellas. As fotografías realizadas por Daniel Llamas e Daniel Lois mostran a aparición da Galaxia dende diferentes lugares único de Galicia. A inauguración da exposición celébrase este luns 9 a partir das 19.00 horas no claustro alto do Colexio de Fonseca da USC onde se poderá visitar ata o próximo día 26.
Comisariada por Alfonso Freire, editor do libro de Lúdica7, e pola escritora e catedrática de Matemáticas María Victoria Veguín Casas, autora de La Vía Láctea Camino de dioses, almas y peregrinos, que serviu de fío condutor para este nova proposta expositiva, integrada nos actos promocionais do Xacobeo 21. En opinión dos seus comisarios, trátase dunha “proposta pioneira por canto reflexiona sobre a importancia que ao longo da historia tivo a Vía Láctea como guía dos peregrinos a Compostela para ver e honrar a tumba do Apóstolo”. Alfonso Freire e María Victoria Veguín lembran como xa dende a publicación do Códice Calixtino esta galaxia foi “unha mancha blanquecina que os peregrinos observaban no seu camiñar a Galicia”.
A proposta fotográfica de Daniel Llamas e Daniel Lois, engaden os comisarios, é ademais unha invitación a “reflexionar sobre a necesidade de non perpetuar a contaminación lumínica no Camiño de Santiago, desenvolvendo accións en favor do ceo nocturno e da observación de estrelas”.