Skip to main content

O Consello de Goberno fixa os límites de prazas nos graos para 2013-2014

De forma unánime lamenta profundamente e condena enerxicamente os acontecementos producidos esta mañá

O Consello de Goberno aprobou os límites de prazas para os graos que impartirá a Universidade de Santiago o vindeiro curso 2013-2014. Segundo o acordando mantéñense os límites do presente curso, excepto en Medicina que pasa de 380 a 300 como propoñía o centro, Historia da Arte de 80 a 100 e Ciencias da Cultura e Difusión Cultural (Lugo) de 35 a 40. Outros temas que abordou o órgano colexiado foron o calendario académico para o vindeiro curso, a programación plurianual de obras ou a convocatoria de prazas do Sistema Universitario de Residencias. Calendario académico para 2013-2014 O vindeiro curso académico arrancará o 6 de setembro, cun primeiro cuadrimestre que se estenderá ata o 20 decembro e do 28 de xaneiro de 2014 ao 13 de maio de 2014, para o segundo. Este calendario será único para o estudos adaptados ao Espazo Europeo de Ensino Superior e os que se atopen en proceso de extinción. Haberá dous períodos de cualificacións, do 8 ao 24 de xaneiro e do 14 ao 31 de maio de 2014, así como unha segunda convocatoria do 24 de xuño ao 12 de xullo. A docencia interromperase dende o 21 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2014, o 3 e o 4 de marzo e durante a Semana Santa, do 14 ao 20 de abril de 2014. Programación plurianual de obras O Consello de Goberno tamén decidiu que a Universidade de Santiago desenvolverá ao longo deste e do vindeiro ano un programa de obras nas súas instalacións de Santiago e Lugo en base ás peticións realizadas polos distintos centros e tendo en conta as limitacións orzamentarias cun importe total de licitación de 1,85 millóns para 2013 e de 0,73 millóns para o seguinte exercicio. As intervencións de maior envergadura serán as que se acometan coa substitución parcial da cuberta, canlóns e baixantes na Facultade de Xeografía e Historia; no edificio de Ciencias da Educación en Campus Vida para o desenvolvemento da segunda fase da Biblioteca, no espazo compartido con Psicoloxía; diversas actuacións na Facultade de Física en 2013 e 2014; a substitución da cuberta sur da Facultade de Matemáticas; o arranxo da cuberta da ala norte e das fachadas de Relacións Laborais; ou a reforma das Vivendas de Funcionarios para a Escola de Doutoramento e o Servizo de Vixilancia da Saúde, entre outras. No Campus de Lugo, as principais obras concentraranse na reparación da cuberta da Facultade de Ciencias, diversas reparacións en Veterinaria ou no pintado da fachada da Biblioteca Intercentros, co obxectivo de evitar filtracións. Convocatoria do SUR A oferta de prazas de aloxamento do Servizo Universitario de Residencias (SUR) para o vindeiro curso ascenderá a 1.071, a meirande parte (911) destinada a estudantado de grao e de primeiro e segundo ciclo. En función da renda persoal dispoñible, os prezos arrancarán nos 405 euros que custe unha habitación compartida os nove meses que dura o curso. Neste mesmo senso, o Consello de Goberno tamén aprobou a convocatoria de prazas de aloxamento no SUR para estudantes de mobilidade internacional, para membros da comunidade universitaria ou alumnado da universidade de verán en 2013, así como para asistencia a congresos e visitantes no vindeiro curso académico. Condena unánime A reunión do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela foi interrompida esta mañá pola irrupción violenta dun grupo de estudantes. Diante destes feitos, e de maneira unánime, o Consello de Goberno emitiu un comunicado no que “lamenta profundamente e condena enerxicamente os acontecementos producidos no transcurso desta sesión ordinaria que debeu interromper a súa actividade”. O texto de condena lembra que o Consello de Goberno é un órgano colexiado democrático no que están representados todos os colectivos da comunidade universitaria, tamén o alumnado, e continúa afirmando que “na universidade as opinións de cada quen maniféstanse no marco do diálogo e talante aberto que rexe en toda a institución universitaria. Agora ben, esta actitude non pode de ningún xeito permitir que o dialogo desexado se produza baixo coacción, como se intentou esta mañá en San Xerome.”

The contents of this page were updated on 03.14.2013.