Manuel R. Bermejo ofrece este martes en Lugo a conferencia ‘Antonio Casares. Vida e obra dun científico lugués excelso’
O catedrático de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Manuel R. Bermejo Patiño, ofrecerá este martes, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, a conferencia ‘Antonio Casares. Vida e obra dun científico lugués excelso’.
O relatorio de Manuel R. Bermejo, comisario da mostra ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade’, que se puido visitar desde o pasado 16 de xaneiro na sala de exposicións da Deputación de Lugo, onde permanecerá aberta ao público ata o venres 15 de marzo, encádrase dentro das actividades complementarias organizadas no marco do ‘Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012)’. Este ciclo, co que a Universidade de Santiago de Compostela rende homenaxe ao que tamén fora seu reitor, rematará o 26 de abril, coincidindo co 125 cabodano do seu pasamento, coa presentación do libro Ano Casares, unha recompilación das actividades e conferencias realizadas ao longo de todo o curso. Na súa intervención, Bermejo fará un breve recorrido pola vida e as múltiples achegas científicas feitas por Antonio Casares. Este monfortino, considerado como un gran defensor da experimentalidade, escribiu 116 tratados científicos dos máis diversos temas entre 1836 e 1888, ademais de elaborar o primeiro mapa enolóxico de Galicia. A consecución de luz eléctrica ou o descubrimento dun mineral conforman tamén parte do amplo legado científico de quen tamén fora reitor da Universidade de Santiago de Compostela.