Fernando Jaramillo diserta este mércores na Facultade de ADE sobre as técnicas de venda e presentacións de negocios
O director do Departamento de Márketing e profesor asociado da Universidade de Texas, Fernando Jaramillo, ofrecerá este mércores 13 de marzo na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo o relatorio ‘As técnicas de venda e presentacións de negocio’.
Fernando Jaramillo abordará na súa intervención algunhas das máis ferramentas e técnicas de venda máis empregadas para a elaboración de propostas de negocios, así como para os deseños máis exitosos de presentacións de vendas eficaces. Unha vez rematada a charla, que se dirixe fundamentalmente a estudantes da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, haberá un debate coloquio centrado fundamentalmente nas presentacións de negocios e de novos produtos. O relatorio de Fernando Jaramillo, quen ademais de profesor visitante nas universidades de Chile e de Quito, é tamén membro dos consellos editoriais dalgunhas das máis prestixosas revistas de márketing, servirá asemade para abrir un ciclo de conferencias e debates programado na facultade luguesa ao longo dos meses de marzo e de abril e dirixido anto ao estuantado como a profesionais.
A temática das distintas sesións previstas ao abeiro desta programación de formación complementaria deseñada pola Facultade de Administración e Dirección de Empresas é diversa e abrangue distintos aspectos relevantes e de máxima actualidade na actual situación de crise, así como algunhas das importantes decisións a tomar desde a perspectiva empresarial.