Skip to main content

Investigadores da USC e de Pescanova constatan os beneficios ambientais das variñas de pescada en relación con outros alimentos igual de proteicos

Investigadores da USC e de Pescanova constatan os beneficios ambientais das variñas de pescada en relación con outros alimentos igual de proteicos
Investigadores da USC e de Pescanova constatan os beneficios ambientais das variñas de pescada en relación con outros alimentos igual de proteicos
Acaban de publicar un artigo sobre a pegada de carbono das variñas de pescada no Journal of Cleaner Production

O Grupo de Investigación de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química e o Grupo Pescanova colaboraron nunha investigación sobre a pegada de carbono das variñas de pescada que acaba de publicar o Journal of Cleaner Production, revista científica cun índice de impacto de 2,727. A pegada de carbono permite ecoetiquetar cara ao consumidor aqueles produtos alimentarios que teñen un menor impacto ambiental na emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI). No artigo avalíase a das variñas ao longo de todo o seu ciclo de vida, dende o comezo (a captura da pescada en Chile) ata a cova (xestión dos residuos tras o seu consumo). Os resultados amosan que o produto ten unha pegada de carbono pequena, 66,58 g CO2eq por pack de 10 variñas de pescada, que o sitúa na franxa inferior cando se compara con outros produtos similares, polo que dende o punto de vista da emisión de GEI as variñas de pescada constitúen “unha alternativa ambiental moi atractiva en relación a outros alimentos cun mesmo contido proteico, como pode ser calquera cárnico”, afirma o investigador Gumersindo Feijoo.

O artigo ‘Carbon footprint of a multi-ingredient seafood product from a business-to business perspective’ está asinado polos investigadores da USC Ian Vázquez-Rowe, Pedro Villanueva-Rey, María Teresa Moreira e Gumersindo Feijoo; e por Juan Mallo e Juanjo de la Cerda, de Pescanova.

The contents of this page were updated on 03.11.2013.