Estudantes de secundaria de Santiago explorarán o significado das células nai nunha experiencia internacional na USC
A Universidade de Santiago participa este venres 15 no Unistem Day 2013 que ofrece a estudantes de secundaria a posibilidade de participar nunha xornada de divulgación científica e educativa centrada nas novidades e principios básicos da ciencia relacionada coas células nai. Participarán 200 estudantes dos institutos Rosalía de Castro, Compañía de María, Xelmírez I e Eduardo Pondal de Compostela. Co lema ‘O longo e fascinante viaxe da investigación sobre células nai’, nesta xornada a USC súmase a outras cinco universidades españolas no marco da Rede de Terapia Celular, sendo a primeira vez que se desenvolve simultaneamente en diversos países europeos. Concretamente a xornada realizarase en universidades e institutos de investigación de Reino Unido, Suecia, Italia, ademais de España. Os seus promotores presentan Unistem Day como unha oportunidade para a aprendizaxe, o descubrimento e a discusión en relación á investigación no eido das células nai. O seu obxectivo é estimular o interese e as vocacións entre os máis novos/as pola ciencia e a investigación científica a partir do coñecemento das células nai así como a relación entre estudantes de diferentes países. A xornada comezará ás 9.00 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía onde se vai celebrar ata as 13.00 horas incluíndo conexións internacionais entre os diversos países participantes xunto con charlas divulgativas, debates e actividades sobre a investigación no campo abordado, as terapias que se levan a cabo e a súa repercusión social. Na sesión inaugural participarán o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e o vicedecano da Facultade de Bioloxía, Miguel A. Rodríguez. Entre as 10.00 e as 11.00 horas, están previstas unha serie de intervencións que comezarán co relatorio de Carmen Díaz Ruíz e Ana Isabel Rodríguez Pérez para realizar unha introdución ao tema proposto. Seguiranlle Esther Díaz falando sobre os avances e limitacións no estudo e aplicabilidade das células nai e Montserrat García Lavandeira para referirse á ‘Identificación e caracterización das células nai da hipófise’. Para completar a quenda de intervención, Juan A. Parga presentará a súa intervención sobre a utilización destas células na loita contra o Párkinson. Esta é unha iniciativa que conta co patrocinio da Rede de Terapia Celular, Gadis e Nirco, Diagnóstico e Investigación.