Skip to main content

O alumnado da ETSE conta xa cun glosario trilingüe de termos sobre arquitectura de computadores

O alumnado da ETSE conta xa cun glosario trilingüe de termos sobre arquitectura de computadores
O alumnado da ETSE conta xa cun glosario trilingüe de termos sobre arquitectura de computadores

A Universidade de Santiago vén de editar un novo glosario trilingüe de termos, nesta ocasión sobre arquitectura de computadores. Os seus autores, o profesor do Departamento de Electrónica e Computación Elisardo Antelo Suárez e o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL) Xusto Rodríguez Río, presentaron a publicación este xoves no CiTIUS. Con esta nova publicación –que reúne case 700 termos, o que supón máis de 2.000 entradas–p reténdese ofrecer un material de referencia que facilite o emprego do galego nas actividades de ensino e aprendizaxe pero tamén nas divulgativas e aínda nas investigadoras. Ao tempo, pode ser útil para facilitar a comprensión da bibliografía técnica –escrita fundamentalmente en inglés– que o estudantado debe manexar durante os seus estudos. Dado o altísimo grao de innovación do sector das tecnoloxías este glosario ha requirir actualizacións e ampliacións periódicas, de aí que só se edite en soporte electrónico e en dous formatos: o convencional .pdf e no estándar TBX (TermBase eXchange) para facilitar, este último, o intercambio e a reutilización desta información noutros produtos terminolóxicos. Ademais, os termos integraranse na base de datos bUSCatermos para ofrecer a consulta simultánea de toda a terminoloxía elaborada pólo Servizo de Normalización Lingüística. No acto para dar a coñecer o glosario promovido polo SNL e a Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) participaron tamén o director do CiTIUS, Paulo Félix; o director do Departamento de Electrónica e Computación, Francisco Fernández; o director do SNL, Manuel Núñez; e o subdirector da ETSE, Francisco Omil.

The contents of this page were updated on 03.14.2013.