Skip to main content

‘Danza-Traballando’ aborda este mércores na Casa do Saber a danza universitaria e a prevención de riscos nos escenarios

Pedro García Herradón e Juan Carlos Zahera, na presentación de 'Danza-Traballando'
Pedro García Herradón e Juan Carlos Zahera, na presentación de 'Danza-Traballando'
As xornadas promovidas pola Rede de Traballadores da Danza buscan ampliar o tecido asociativo e a cultura da danza, ademais de dar máis visibilidade pública ao sector

A Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu Espazo de Danza, participará o vindeiro mércores 20 de marzo na xornada ‘Danza-Traballando. Encontros co sector, competitividade e sostibilidade’, un foro de debate e aprendizaxe promovido pola Rede de Traballadores da Danza que se desenvolverá a partir das 9.30 horas no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.

O programa deste encontro do sector da danza inclúe tres relatorios, nos que distintos poñentes farán as súas respectivas achegas respecto da evolución experimentada pola danza no contexto universitario, da prevención de riscos e pavimentos escénicos, e das transicións e cualificacións profesionais, segundo avanzaron o vicerreitor do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera. O director do Espazo de Danza da USC será precisamente o encargado de abrir a quenda de relatorio desta xornada artística. Zahera aproveitará a súa intervención para relatar a evolución e o crecente protagonismo acadado pola danza na Universidade de Santiago, que foi pioneira na súa aposta por esta disciplina artística, e no contexto universitario do resto de España. A prevención de ricos no sector e os pavimentos escénicos e de ensaios serán os temas sobre os que versarán os relatorios ofrecidos por Juvenal García e Aurora Rodríguez. César Casares pechará a quenda de intervencións desta xornada cunha charla de carácter máis técnico sobre transicións e cualificacións profesionais. Os participantes inscritos neste foro poderán participar nun debate aberto con cada un dos poñentes ao remate de cadansúa exposición. A asistencia á xornada e libre e gratuíta para todo o mundo, ata completar o aforo do auditorio da Casa do Saber, que ten capacidade para unhas 100 persoas.

O achegamento da danza a un maior número de públicos e a xénese dunha verdadeira cultura artística arredor desta disciplina son dous dos obxectivos que pretende a Rede de Traballadores da Danza con este tipo de xornadas, que tamén axudan a reforzar e ampliar o tecido asociativo e serven para achegar a danza á sociedade, segundo se puxo de manifesto na presentación de ‘ Danza-Traballando’.

The contents of this page were updated on 03.18.2013.