Skip to main content

A compañía de teatro USC-Lugo comeza este mércores en Vigo a xira da montaxe ‘Animaliños’, de Vidal Bolaño

Actores da compañía de teatro USC-Lugo que participan na montaxe 'Animaliños', de Roberto Vidal Bolaño
Actores da compañía de teatro USC-Lugo que participan na montaxe 'Animaliños', de Roberto Vidal Bolaño
A Coruña, Ourense e Santiago acubillarán tamén cadansúa actuación da compañía luguesa no marco desta xira na primavera de 2013

A compañía de teatro do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela comezará o mércores día 20 de marzo no CUBI de Vigo a xira da súa última montaxe, ‘Animaliños’, unha peza adaptada por Paloma Lugilde e baseada nos textos do dramaturgo galego Roberto Vidal Bolaño, ao que se rende homenaxe o Día das Letras Galegas.

A compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Paloma Lugilde e conformada por 15 actores, aos que cómpre tamén engadir outros oito rapaces e rapazas que integran o chamado grupo de intervención de rúa desta mesma formación teatral, presentará o mércores, a partir das 18.30 horas no CUBI vigués ‘Animaliños’, logo do éxito obtido a comezos de marzo no marco do XIX Festival Internacional de Teatro Universitario de Lugo, onde se presentou esta montaxe teatral. Os actores da compañía de teatro USC-Lugo levarán o xoves 21 á Coruña a súa última produción, que tamén está incluída na programación de montaxes do Festival Internacional de Teatro Universitario de A Coruña. A compañía luguesa representará ‘Animaliños’ o xoves, ás 20.20 horas, no Parque Europa herculino, aínda que o teatro de cuño lugués xa estará presente antes nos campus universitarios de A Zapateira e Elviña, onde os membros do grupo de intervención de rúa desta compañía representarán ‘Onde o meu xardín?. A xira da compañía de teatro USC-Lugo continuará a finais do mes de abril en Ourense, onde a formación que dirixe Paloma Lugilde ten previsto presentar ‘Animaliños’ o día 25 no marco da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. Dez días despois, a compañía do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela levará a última montaxe feita por Roberto Vidal Bolaño a Santiago de Compostela.

The contents of this page were updated on 03.19.2013.