Inaugúranse este luns en Santiago e Lugo tres novos cursos de verán da USC
A Universidade de Verán da USC reanúdase este luns, 2 de setembro, con tres novos cursos. En Santiago comezan os titulados 'Atmosfera, clima e raios cósmicos' e 'A prestación de servizos sanitarios ante os retos do século XXI', e en Lugo as Xornadas sobre a propiedade da terra en Galicia, implicacións para a xestión da terra e a xestión urbanística. Lugo Reflexionar en torno ás principais características da propiedade da terra en Galicia e as implicación e posibles solucións para mellorar esta xestión, centrándose especialmente nos eidos da xestión urbanística, de terras agrarias, da paisaxe e valoración de terras. Este é o obxectivo das 'Xornadas sobre a propiedade da terra en Galicia. Implicacións para a xestión da terra e a xestión urbanística’ que se inaugurarán ás 9.30 horas na sede do Ibader en Lugo e cuxos relatorios e algunhas mesas redondas, debido á alta demanda de asistencia que tivo, se retransmitirán en tempo real a través da páxina web http://masterterra.usc.es/drupal/. No curso uniranse as principais disciplinas que se ocupan da ordenación do territorio en Galicia para analizar, por primeira vez desde unha perspectiva multidisciplinar, as implicacións que a estrutura da propiedade en Galicia ten en catro grandes eidos clave para a ordenación do territorio: a xestión urbanística, a xestión de terras agrícolas, a valoración de terras e a planificación de recursos naturais e paisaxísticos. Estas xornadas representan un resumo dos contidos do Masterterra, cuxo prazo de matrícula provisional estará aberto ata o 4 de setembro. Santiago Atmosfera, clima e raios cósmicos son as cuestións a abordar no curso que se inaugurará ás 9.15 horas na Aula Magna da Facultade de Física do 2 ao 5 de setembro que reúne a expertos das universidade de Santiago e Vigo así como de Meteogalicia para analizar os principais fenómenos da atmosfera terrestre que afectan ou están relacionados co clima e, a partir das principais características da dinámica atmosférica, mostrar algunhas nocións das técnicas de predición meteorolóxica. En conxunto, proponse un percorrido pola evolución do clima e as súas causas e exporase a teoría que propón unha posible influencia dos raios cósmicos no clima, establecendo así un punto de encontro para discutir os resultados experimentais recentes obtidos en laboratorio. Ademais, as persoas inscritas visitarán as instalacións meteorolóxicas de Meteogalicia en Santiago e asistirán ao lanzamento dun globo sonda e á demostración, na Facultade de Física da USC, dun equipo para a detección de raios cósmicos. Xa ás 10.00 no Salón de Graos da Facultade de Dereito terá lugar a inauguración oficial da terceira edición do curso ‘A prestación de servizos sanitarios ante os retos do século XXI’ que tratará os eventos adversos, tanto dende a perspectiva da prevención e xestión de riscos como dende a óptica da esixencia de responsabilidade e aseguramento.
Participarán como relatores profesionais da sanidade e o dereito así como investigadores das universidades de Santiago e Vigo cun abano de temas nos que se revisará a nova cultura sanitaria na era Twitter, o Sistema Español de Notificación en Seguridade en Anestesia e Reanimación, a normativa comunitaria sobre doazón e transplante de órganos ou casos de boas prácticas en calidade e seguridade a través do benchmarketing, entre outros asuntos.