Skip to main content

Os glosarios e vocabularios técnicos do Servizo de Normalización Lingüística da USC difundiranse en licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual

A medida fai accesible a colección terminolóxica máis ampla dispoñible para o idioma galego

Os 24 repertorios editados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL) dende 1993 ata a actualidade pasarán de estar acollidos á fórmula do copyright a difundirse baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual (CC-BY-SA 3.0). Este conxunto de glosarios e vocabularios técnicos supoñen a colección terminolóxica máis ampla dispoñible para o idioma galego. Xa que logo, a partir deste momento é posible aproveitar calquera deses traballos para compartilo, copialo, distribuílo e comunicalo publicamente, así como para facer obras derivadas, inclusive con vocación comercial; sempre que se recoñeza a autoría do SNL e se compartan baixo a mesma licenza todas as obras resultantes. Con esta iniciativa, o Servizo de Normalización Lingüística da USC pretende facilitar a difusión destes produtos, así como favorecer que os/as potenciais usuarios/as poidan melloralos, adaptalos ás súas necesidades ou integralos nalgunha das ferramentas e aplicacións (xestores de bases de datos, sistemas de tradución automática ou asistida, correctores ortográficos...) que empregan a terminoloxía como materia prima de traballo. A medida agora adaptada, non se lle aplica aos traballos elaborados no marco da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter), pois neste caso o SNL ten unicamente dereitos sobre os contidos referidos á lingua galega, e non sobre a publicación íntegra.

Ligazóns relacionados:

The contents of this page were updated on 11.17.2023.