Skip to main content

Carmen Fernández Morante reivindica a transcendencia da Facultade de Ciencias da Educación para o futuro da educación en Galicia

O novo equipo decanal xunto co reitor e integrantes do seu equipo de goberno. Foto: Santi Alvite
O novo equipo decanal xunto co reitor e integrantes do seu equipo de goberno. Foto: Santi Alvite
Comezou falando do traballo feito en materia de proxección exterior, visibilidade institución e vinculación coas axentes educativos e sociais
Santiago de Compostela

“Do que ocorra nos vindeiros anos na Facultade de Ciencias da Educación dependerá en boa medida o seu futuro, o noso futuro e, en parte tamén o futuro da educación en Galicia”. Carmen Fernández Morante expresou neste termos a responsabilidade coa que afronta o seu segundo mandato como decana desta Facultade no acto protocolario de toma de posesión que presidiu o reitor Antonio López na sede deste centro en Campus Vida.

A profesora Carmen Fernández Morante realizou a súa intervención para “render contas e compartir humildemente algunhas das aprendizaxes experimentadas” a través de sete liñas programáticas arredor das que fixo xirar diferentes fitos da súa xestión nos últimos cinco anos. Comezou falando do traballo feito en materia de proxección exterior, visibilidade institución e vinculación coas axentes educativos e sociais; e continuou aludindo ao impulso do liderado da USC nas titulacións de Ciencias da Educación no SUG; acompañamento, dinamización e potenciación da participación do alumnado na vida do centro; apoio a departamentos e unidades administrativas así como aos grupos de investigación e profesorado novel na súa actividade científica; traballo a prol da cohesión, convivencia e integración real do centro; e divulgación, extensión cultural e normalización lingüística.

A decana demandou para a esta facultade un “compromiso real co relevo e o reforzo do persoal docente e de administración do centro, co impulso dos novos liderados que precisan os nosos grupos de investigación e coa dotación das infraestruturas e recursos que precisamos para facer o noso traballo”. Fernández Morante solicitou do equipo reitoral a posta en marcha de políticas académicas que permiten avanzar na corrección de desequilibrios na procura da súa corrección para así garantir a equidade e a satisfacción das necesidades básicas entre todos os centros.

Recoñecendo o traballo xa realizado polo equipo reitoral neste primeiro ano de goberno, Fernández Morante pediu ao reitor a súa contribución para “acurtar as asimetrías existentes entre os centros, áreas e departamento da USC”. Na súa opinión, “as reformas que se nos aveciñan na Educación van requirir toda a súa complicidade e apoio ás facultades de Ciencias da Educación e de Formación do Profesorado da universidade compostelá”. Nesta liña comprometeu a “nosa firme vontade para ampliar os escenarios de intervención e colaboración da Universidade no sistema educativo e mellorar a formación e a consideración social do profesorado do noso país”.

Na parte final do seu discurso, Carmen Fernández destacou “o compromiso do noso centro coa defensa da diversidade sexual e de xénero, coas súas intersección con outros eixos de vulnerabilidade e nomeadamente cos dereitos do colectivo LGTBI. O noso centro nos últimos anos converteuse nun escenario de referencia para as institucións públicas e asociacións civís e axentes LGTBI”.

Na súa intervención, o reitor dixo compartir a diagnose sobre a situación actual da Facultade, así como no plano das solucións, tanto no relativo á política de persoal, como na de infraestruturas. No primeiro caso, logo dun período de crise económica fronte á perda de persoal docente deste centro, Antonio López, aludiu ás medidas recollidas no plan de PDI aprobado para os vindeiros catro anos que supoñen dar os primeiros pasos para acadar un maior equilibrio entre áreas. No PAS, estase a desenvolver a negociación dun plan xeral que permita facer unha distribución efectiva e axustada ás demandas da situación actual da universidade.

Con respecto ás necesidades infraestruturais, o reitor dixo que no futuro Plan de Infraestruturas que aprobe a USC prestaráselle especial atención a esta facultade. López manifestou o seu compromiso de traballar para mellorar a partir da avaliación das necesidades da situación actual. O reitor destacou que este é un centro cunha oferta docente atractiva, con capacidade de atracción de estudantes, así como con “vocación e intensidade investigadora notable”. Na súa opinión esta Facultade está chamada a ter un papel destacado no Campus da Cidadanía, así como na misión social da universidade.

O equipo de goberno complétano como vicedecanas María José Mendez Lois, Titulacións, Practicum e Relacións Institucionais; Josefa del Carmen Fernández de la Iglesia, Organización Académica e Economía; Martín Leránoz Iglesias, Estudantes, Mobilidade e Cultura; Belén María Castro Fernández, Coordinación do Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas; e Cristina Abeal Pereira, secretaria e responsable de Infraestruturas.

Carmen Fernández
Especialista en tecnoloxía educativa, a traxectoria profesional de Carmen Fernández Morante está vinculada ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) aplicadas á formación, tema sobre o que ten impartido docencia universitaria e cursos formativos e de innovación docente para profesorado de todos os niveis educativos así como para profesionais da educación.

Carmen Fernández Morante foi vicerreitora de Titulacións e Persoal Docente e Investigador e xefa da sección de Tecnoloxía Educativa do Instituto de Ciencias da Educación. É ademais membro da Asociación Internacional para o desenvolvemento da Tecnoloxía Educativa e das Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación (Edutec) e do Observatorio Galego de e-learning. Dende o pasado ano preside elixida a Conferencia nacional de decanas e decanos de Ciencias da Educación.

Forma parte do grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC e ten participado en numerosas publicacións e proxectos de investigación autonómicos e nacionais en colaboración con outros grupos. Como investigadora principal traballa en diversos proxectos europeos competitivos (e-Hospital, IEPTL, ICTeachers, ICTGoGirls, Rural School Cloud ou Create your future).

Carmen Fernández e Antonio López, logo de que a decana prometera o seu cargo. Foto: Santi Alvite O acto contou cunha numerosa representación de integrantes da comunidade universitaria así como doutros centros. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 12.23.2019.