Skip to main content

Remata o prazo para inscribirse na proba de selección de Estalmat-Galicia para novos talentos matemáticos galegos

O día 30 de maio remata o prazo de inscrición para o estudantado da comunidade autónoma de Galicia nacido nos anos 2000 e 2001 que desexe participar nas probas de selección do proxecto Estalmat-Galicia para Estímulo do Talento Matemático en Galicia na súa edición de 2013. O alumnado interesado pódese inscribir electronicamente cubrindo o formulario que se atopa na páxina web do proxecto ESTALMAT-Galicia (http://www.estalmatgalicia.com) ou ben enviando o mesmo formulario, que se remite aos centros de ensino medio de toda a comunidade, por correo postal ou fax á Facultade de Matemáticas. A proba, consistente na resolución de problemas de distinto tipo, celebrarase o sábado dia 8 de xuño na Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela, a partir das 10:00 horas. Implantado por primeira vez o curso 2007-08, Estalmat-Galicia busca detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento matemático que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Ao longo de dous cursos académicos (ampliables a dous anos mais) os/as 25 alumnos/as seleccionados participan en actividades adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas actividades, que serán totalmente gratuítas, teñen lugar en 20 mañás dos sábados de cada curso académico, na Facultade de Matemáticas da USC. O equipo docente que atende aos estudantes seleccionados está formado por 41 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas. En 2012, optaron ás 25 prazas un total de 358 estudantes de toda Galicia. Como explica o catedrático de Matemática Aplicada Juan Viaño, coordinador deste proxecto, o éxito dos estudantes de ESTALMAT-Galicia nas Olimpíada Matemáticas de 2012 e 2013 é esperanzador: na Fase Galega acadaron unha medalla de ouro, outra de bronce e dúas mencións de honra; mentres que na Fase Nacional acadaron unha medalla de bronce e unha de prata. ESTALMAT-Galicia está avalado pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio de distintas institucións e entidades, ademais da propia Universidade de Santiago de Compostela e da súa Facultade de Matemáticas: Fundación Vodafone-España, Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Deputacións da Coruña e Lugo e o Concello de Guitiriz. Para acadar mais información sobre o proxecto as persoas interesadas poden vistar á web http://www.estalmatgalicia.com.

The contents of this page were updated on 05.24.2013.