Urbano Fra contribúe ao informe da ONU sobre riscos e reducións de desastres cun estudo sobre ecosistemas
O investigador do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela Urbano Fra Paleo contribúe como autor dun estudo sobre os ecosistemas como elementos de protección contra os desastres naturais e no que tamén se afonda na idea de que a ausencia de espazos incrementa os riscos.
Algunhas das conclusións plasmadas polo profesor Fra Paleo neste estudo científico, no que tamén participaron investigadores doutros países, aparecen tamén recollidas no último Informe de Avaliación Global do Risco de Redución de Desastres (GAR), presentado o pasado xoves en Xenebra pola ONU baixo o título ‘Dun risco compartido a un valor compartido: A cuestión empresarial na redución do risco de desastres’. Este informe internacional, unha obra colectiva coordinada por Andrew Maskrey e Bina Desai, foi elaborado coa incorporación de datos e danos de 40 países, ao tempo que inclúe as enquisas feitas en 1.300 pequenas e medianas empresas radicadas en áreas suxeitas a desastres periódicos, así como noutras 14 grandes compañías multinacionais. A terceira edición deste informe destaca cómo a a transformación da economía global ao longo das últimas catro décadas propiciou un rápido incremento do risco de desastres en países tanto de renda baixa, media e alta, con repercusión negativa tanto na sociedade como no tecido empresarial.
A globalización e a busca de redución de custes conduce ás empresa e localizarse en áreas expostas aos perigos naturais sen ter en consideración o impacto que un desastre pode ter no comercio global, segundo conclúe este estudo da ONU, cuxo Secretario Xeral cifrou en 2,5 billóns de dólares os custes derivados dos desastres naturais sucedidos no século XXI, ao tempo que indicou que as perdas económicas rexistradas son polo menos un 50% superiores ás estimadas.