Skip to main content

O congreso sobre o barroco iberoamericano continúa na Facultade de Historia

O vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e o decano da facultade, Juan Monterroso, deron a benvida no Paraninfo. Foto: Alfonso-Servimav
O vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e o decano da facultade, Juan Monterroso, deron a benvida no Paraninfo. Foto: Alfonso-Servimav
Este martes preséntase un libro sobre o patrimonio monástico na Ribeira Sacra

O I Simposio Internacional de Novos Investigadores do Barroco Iberoamericano reúne esta semana na USC persoal investigador interesado en abrir un diálogo entre as diversas disciplinas sobre os estudos do barroco. As persoas participantes chegan a Compostela procedentes de toda España e de México, Portugal, Francia, Estados Unidos, Porto Rico, Canadá e Brasil. O vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Francisco González, e o decano da facultade, Juan Monterroso, deron este luns no Paraninfo da Universidade a benvida ao encontro, que nesta primeira ocasión se presenta co lema ‘Identidades Culturais dun Imperio Barroco’ e no que participan especialistas dos campos da historia da arte, a literatura, a historia, a música, a filosofía ou a teoloxía coa finalidade de establecer as conexións existentes entre os movementos culturais e artísticos do Barroco Iberoamericano, no só na Idade Moderna senón tamén analizando a continuidade temporal que pervive hoxe. Na xornada deste luns, ademais das numerosas comunicacións orais, trátanse en conferencias plenarias cuestións como a figura do demo no teatro e a pintura do século de ouro español, os Desastres da Guerra de Goya como un libro de emblemas estoicos, as prazas efémeras na festa hispánica ou os días de transición na Lima Barroca. Patrimonio monástico da Ribeira Sacra No transcurso do encontro, este martes 28 terá lugar ás 10.00 horas no mesmo Paraninfo a presentación do libro Entre el agua y el cielo. El patrimonio monástico de la Ribeira Sacra. Opus Monasticorum V, unha edición da USC a cargo de Juan Monterroso e de Enrique Fernández Castiñeiras. A obra está composta por dezaoito traballos realizados por investigadores adscritos ao grupo Iacobus dda USC, e presta atención a tres fenómenos de extraordinaria vixencia na actualidade como son o monacato, o patrimonio cultural e a súa interpretación.

O simposio está organizado polo grupo Iacobus da USC xunto cos grupos de investigación de Historia da Arte da Universidade Pablo Olavide de Sevilla e Jaume I de Castellón, que confluíron no Centro de Estudos de Barroco Iberoamericano (CEIBA), un proxecto para crear un centro de investigación interuniversitario no que estea representado o persoal científico que traballe no eido da cultura barroca na Península Ibérica e en Iberoamérica.

The contents of this page were updated on 05.27.2013.