Skip to main content

A Sociedade Ibérica de Filosofía Grega celebrará por vez primeira a súa sesión anual en Compostela

Reúne ao principal persoal investigador de España e Portugal neste eido

A Sociedade Ibérica de Filosofía Grega celebrará por vez primeira a súa sesión anual na Universidade de Santiago, nun evento que reúne os principais investigadores de España e Portugal neste eido. Participarán docentes de ensino secundario, do ámbito da filosofía e a filoloxía clásica, así como alumnado de ambas facultades e da de Xeografía e Historia. No Seminario da Facultade de Filoloxía, o encontro comezará este xoves 30 ás 17.00 horas cunha intervención de Francesc Casadesús, da Universidade das Ilas Baleares, co relatorio ‘A escola de Atenas de Rafael. Unha lección visual de filosofía grega”. Casadesús proporá unha análise das personaxes que aparecen na ‘Escola de Atenas’ de Rafael, xustificando a súa presenza e explicando a súa disposición a partir de determinadas claves interpretativas, fundamentalmente de orixe filosófica e teolóxica. Seguiralle a partir das 18.00 horas Antonio De Castro Caeiro, da Universidade Nova de Lisboa, para falar sobre ‘Tempo e disposição nas Píticas de Píndaro. Facticidade e escatologia na Olímpica II de Píndaro’ Xa o venres 31 terá lugar a sesión anual da Sociedade Ibérica de Filosofía Grega, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía a partir das 10.00 horas. Aristóteles e os misterios, amor e iniciación na filosofía platónica, Platón e o orfismo, filosofía e teúrxia no pensamento de Jámblico, son algúns dos temas que se presentarán para o seu debate nunha sesión que se estenderá ao longo de todo o día.

As persoas interesadas poden acadar máis información na web do grupo de investigación en Filoloxía Clásica (http://gfc-usc.org/).

The contents of this page were updated on 05.29.2013.