Skip to main content

A violoncello Cristina Nogueira e Leticia Folgar, ao piano, pechan o martes o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’

Leticia Folgar Ferreiro e, á dereita co violoncello, Cristina Nogueira Pérez
Leticia Folgar Ferreiro e, á dereita co violoncello, Cristina Nogueira Pérez
O concerto comezará ás 20.00 horas no auditorio da Casa do Saber de Lugo e a entrada será de balde ata completar o aforo

A violoncello Cristina Nogueira Pérez e a pianista Leticia Folgar Ferreiro pecharán este martes, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013’, un programa musical desenvolvido ao abeiro do convenio Lugo Cultural que botou a andar a comezos do mes de marzo e que chegará ao seu fin logo de ofrecer á sociedade luguesa cinco concertos de música de cámara.

O concerto de Cristina Nogueira e Leticia Folgar desenvolverase inclúe composicións de Beethoven, Shostakovich e Martinú. A primeira parte da actuación destas dúas intérpretes estará centrada na Sonata para violoncello e piano en LaM, op69, de L. Van Beethoven. Ao remate desta peza, xa na segunda parte do concerto, as dúas intérpretes tocarán a Sonata para violoncello e piano en Rem, op40, unha peza cuxa autoría corresponde a D. Shostakovich. As variacións sobre un tema eslovaco, H378, de B. Martinú, servirá de colofón ao derradeiro concerto dos programados no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013’. A violoncellista Cristina Nogueira Pérez, formada no Conservatorio Superior de Música de Vigo, comezou a súa formación musical no ano 1995 da man da Dalibor Sebestik. Na actualidade este nova intérprete, que xa conta cunha ampla experiencia orquestral e tamén ten participado na gravación de discos de diferentes artistas gtalegos, forma parte de Proxecto danza e de ‘Os tres contantes e sonantes’, co que está a prestar o espectáculo de contacontos con música ‘As viaxes polas fragas dos biosbardos’.

A pianista Leticia Folgar Ferreiro tamén completou os estudos superiores de Música no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde se especializou en piano e música de cámara. Na actualidade, Folgar Ferreiro é profesora acompañante no CMUS Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.

The contents of this page were updated on 05.20.2013.