Skip to main content

Ignacio Ramonet abre este mércores o IX Curso de Primavera da USC en Humanidades cun relatorio sobre a xeopolítica das crises

O vicerreitor Pedro García Herradón inaugurará ás 11.00 horas este foro, que conta con 50 inscritos, nun acto no que se presentarán as actas da pasada edición do seminario

O catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, xornalista e director da edición española de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, abrirá este mércores, a partir das 12.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo, a quenda de relatorios do IX Curso de Primavera da Universidade de Santiago de Compostela, cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘ Xeopolítica das crises. Europa e o mundo en 2013’. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurará o IX Curso de Primavera da USC ‘A crise de Occidente, unha visión multidisciplinar’ na Facultade de Humanidades, a partir das 11.00 horas, no transcurso dun acto no que o catedrático do Departamento de Lingua Española da USC Alexandre Veiga procederá á presentación das actas da pasada edición deste seminario a cargo dos seus coordinadores. A concelleira de Cultura, Turismo, Muller e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, o catedrático da USC e coordinador do curso ‘A crise de Occidente, unha visión multidisciplinar’, Xaquín Rodríguez Núñez, e a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, tamén participarán na presentación deste foro anual, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que xa está consolidado como unha cita recomendada da oferta cultural de Lugo. O curso ‘A crise de Occidente, unha visión multidisciplinar’, continuará xa en quenda de tarde, a partir das 17.00 horas, cun relatorio a cargo do profesor de Filosofía Moral da USC Luis García Soto, quen disertará sobre crises e democracias. María Xesús Nogueira, que falará sobre a crise de Occidente na poesía galega actual, e Carme Silva, que abordará o proceso migratorio no bienio 2010-2012 completan as intervencións programadas na primeira xornada do curso, que rematará, a partir das 20.00 horas, cunha actividade audiovisual guiada por Martázul Busto.

The contents of this page were updated on 05.07.2013.