Skip to main content

O director científico do CERN mostrará as particularidades deste Laboratorio de Física de Partículas nunha conferencia en Compostela

O director de Investigación e Computación Científica do Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN), Sergio Bertolucci, impartirá este venres 10 en Compostela unha conferencia de divulgación xeral que levará por lema ‘Small particles and the optimism of curiosity’ (Pequenas partículas e o optimismo da curiosidade). Aberta ao público interesado en coñecer o traballo que se desenvolve no CERN, a intervención comezará ás 19.00 horas na Sala de Conferencias do Centro Cultural Novacaixagalicia (r/ Vilar, 19). A misión e o traballo desenvolvido polo Laboratorio Europeo, os seus descubrimentos máis recentes, entre eles os traballos arredor do bosón de Higgs o pasado ano, serán algúns dos temas aos que faga referencia Bertolucci. Esta é unha actividade que forma parte da exposición ‘ O instrumento científico máis grandes xamais construído: unha exposición do CERN’ que mostra na Facultade de Física ata o próximo 20 de maio as particularidades e a misión do CERN, a súa estrutura, o LHC e os seus experimentos principais ou as aplicacións principais da investigación básica e a participación española no maior laboratorio de Física de Partículas do mundo. Trátase dunha exposición itinerante organizada polo CERN e o Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN), presente en diversos puntos da xeografía española. A exposición, que se completa coa proxección de vídeos e a exhibición de material relacionado co acelerador de partículas, está a disposición do público en xeral e particularmente do alumnado de colexios e institutos ata o próximo 20 de maio en horario de 9.00 a 21.00 horas. Para estes últimos se organizarán visitas guiadas que inclúen unha charla explicativa de 30-40 minutos. Na actualidade, dous grupos do Departamento de Física de Partículas da USC e do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) realizan experimentos no acelerador (LHC-Large Hadron Collider) do CERN. En concreto, o experimento LHCb investiga, entre outros aspectos, a asimetría materia-antimateria que explicaría o predominio da materia no universo. Doutra banda, o experimento ALICE estuda as colisións entre ións pesados para entender a interacción forte, responsable de manter unidos os núcleos atómicos, caracterizando o plasma de quarks e gluóns que constituíu unha das fases do Universo primitivo uns microsegundos despois do Big Bang. A participación dos investigadores da USC tamén terá visibilidade na mostra coa inclusión de charlas sobre as súas actividades nos dous experimentos do LHC, concretamente o día 14 cos traballos que se realizan no LHCb e o 15 de maio cos relativos aos de ALICE. Para máis información, contactar con Néstor Armesto (nestor.armesto [at] usc.es (nestor[dot]armesto[at]usc[dot]es)) ou Juan José Saborido (juan.saborido [at] usc.es (juan[dot]saborido[at]usc[dot]es)).

The contents of this page were updated on 05.08.2013.