Skip to main content

O buscador especializado 'Mentor-Emprende' chega a Brasil e Portugal

Desenvolvido pola USC co apoio de RedEmprendia, está especialmente deseñado para emprendedores

' Mentor-Emprende' é un novo concepto de buscador web especializado no ámbito do emprendemento innovador e o proceso de creación de novas empresas, particularmente desde o contorno universitario. Desenvolvido por especialistas en emprendemento e computación da USC co apoio e financiamento de RedEmprendia, traballa a partir do motor de busca de Google organizando o acceso a temas de interese propostos por especialistas en emprendemento. Nos seus resultados, ‘Mentor Emprende’ dá prioridade aos sitios con maior reputación, ofrecendo fontes de calidade a quen desexe formarse neste ámbito ou iniciar un proceso emprendedor. O buscador, que comezou a súa andadura en 2012 con acceso gratuíto, estaba dispoñible unicamente en español ata esta nova fase de internacionalización, cuxo obxectivo é abarcar toda Iberoamérica, facilitando o uso en portugués e adaptándose ás necesidades dos emprendedores de Brasil e Portugal. Para esta tarefa contouse coa participación de expertos en emprendemento procedentes ou coñecedores destas dúas áreas xeográficas, e consultouse a representantes das Universidades de RedEmprendia. Desde Portugal participou a Universidade de Coimbra e a Universidade do Porto; mentres que en Brasil colaboraron a Universidade Estadual de Campinas, a Federal Rio Grande do Sul e a de São Paulo. Novidades e melloras A parte informática foi realizada polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) da USC baixo a dirección de Manuel Lama e David E. Losada; mentres que o deseño de contidos, definición e axuste das buscas foi liderado por Loreto Fernández, profesora do departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC e experta en emprendemento da Área Académica de RedEmprendia. ‘Mentor-Emprende’ incorpora breves descricións dos temas máis consultados cando se crea una empresa. Utiliza para iso recursos procedentes de páxinas web e de repositorios de documentos formativos da rede Universia. Loreto Fernández explica que este buscador "naceu co propósito de desenvolver unha aplicación web de apoio ao acceso a contidos no ámbito do emprendemento”. Pretende salvar o obstáculo que xurde cando “un se enfronta a un buscador xeralista e nin sequera sabe por onde comezar, como no caso de usuarios que non teñan ningún tipo de formación previa". RedEmprendia RedEmprendia é unha rede universitaria iberoamericana que busca promover a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento responsable. Como recoñecemento ao seu traballo, a Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB) incluíu RedEmprendia no seu Rexistro de Redes Iberoamericanas. Esta inscrición abre novas vías de colaboración e interlocución coa Conferencia Iberoamericana e co resto de redes recoñecidas pola SEGIB, permitindo o desenvolvemento de iniciativas conxuntas na rexión. Na actualidade, RedEmprendia está formada por 20 universidades iberoamericanas de 7 países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal), Universia e Banco Santander, que a través da súa División Global Santander Universidades apoia as actividades de RedEmprendia.

The contents of this page were updated on 05.06.2013.