Skip to main content

Inaugurouse oficialmente o XII Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral

O XII Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral (SEMO) inaugurouse oficialmente esta xoves no Colexio de Fonseca nun acto ao que asistiron o reitor da USC, Juan Casares Long; o alcalde da cidade, Ángel Currás; o presidente da Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal, Oslei Paes de Almeida; e o presidente da SEMO, José Manuel Gándara Rey. Na xornada deste xoves especialistas odontólogos reuníronse en torno a unha mesa redonda denominada Bifosfonatos e osteonecrose, moderada polos profesores Abel García García e Mariana Villarroel. Nela participaron Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUS; José Caeiro, especialista en Traumatoloxía e Ortopedia do CHUS; Mario Pérez Sayans, bolseiro de Investigación da USC; e Fabio Alves, da Universidade Vale do Rio Verde de Brasil. Segundo afirma Abel García “o tratamento con bifosfonatos constitúe un problema no mundo da odontoloxía, xa que presentan como efecto secundario a necrose dos maxilares, en ocasións desencadeada por manipulacións odontolóxicas como a extracción de dentes ou a colocación de implantes dentais”. A necrose dos maxilares é a “morte” de fragmentos de óso dos maxilares, que se infectan e producen inflamación e supuración nas partes brandas da cara. O seu tratamento depende do tamaño e localización do óso necrosado, así como das complicacións que produza. Os bifosfonatos son unhas drogas que aumentan a densidade mineral dos ósos. Pódense administrar por vía intravenosa ou oral. A forma intravenosa utilízase fundamentalmente para tratar pacientes que presentan metástases óseas de neoplasias malignas coa finalidade de evitar fracturas patolóxicas. Nestes casos a incidencia de necrose dos maxilares pode chegar ao 10%. Sen embargo, a gravidade da situación clínica destes pacientes fai asumir o risco deste efecto secundario. Tamén se empregan para tratar, na súa versión oral, entre outras enfermidades a osteoporose, polo que é frecuente a súa prescrición a mulleres postmenopáusicas que presentan este problema. A incidencia de necrose dos maxilares nestes casos é moito máis baixa que cando se utilizan por vía intravenosa e aínda que non coñecemos cifras concretas, sospeitamos que pode rondar o 1 por mil. Os casos en que os pacientes toman bifosfonatos por vía oral é cando se produce unha maior controversia no mundo da odontoloxía, pois non se coñece cando se pode desencadear unha necrose dos maxilares pola actuación odontolóxica, nin hai unha forma obxectiva de coñecer a situación do óso, nin unha maneira de previr esta complicación en quen está sendo tratado ou o foi con estas drogas. Programa do venres 17 A xornada do venres 17 contempla dúas mesas redondas. A primeira tratará sobre o pre-cancro e cancro oral, estará coordinada polo profesor José V. Bagán Sebastián e nela participarán Isaac van der Waal, que presentará unha actualización da cuestión; José M. Aguirre Úrizar, que falará de marcadores moleculares en carcinoxénese oral; Abel García García, sobre o tratamento cirúrxico; y Rafael López, que presentará os protocolos de tratamento oncolóxico. A seguinte mesa de debate, moderada polos profesores Ángel Martínez de Sahuquillo e Eduardo Chimenos Küstner, tratará a Patoloxía da mucosa oral de patoxenia inmune. Nela Miguel Ángel González Moles falará dos pénfigos, Andrés Blanco Carrión de liquen plano e inflamación, Elisa Vega Memije do eritema multiforme e Gonzalo Hernández Vallejo da Diagnose e manexo da xenxivite descamativa.

The contents of this page were updated on 05.16.2013.