Os embaixadores da Unión Europea en España coñecen o valor de investigar na USC
Baixo o lema ‘O valor de investigar’, vinte e dous embaixadores da Unión Europea en España reuniranse este luns 20 na USC. O encontro, a celebrar no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS, no Campus Vida), inaugurarao o reitor Juan Casares ás 17.30 horas, que presentará unha proxección audiovisual realizada polos grupos de investigación e partners da USC sobre a súa capacidade para xerar valor empresarial, económico e social. A continuación, a partir das 18.00 horas, a comitiva visitará o CiMUS guiada por investigadores líderes da USC que lle achegarán coñecemento directo dos proxectos e avances en investigación biomédica e desenvolvemento de medicamentos que se levan a cabo no centro. Nese percorrido participarán o director do CiMUS, Carlos Dieguez; a responsable do proxecto ‘ Nanomedicina: Nanotecnoloxías aplicadas ao deseño de sistemas de liberación de fármacos’, Mª José Alonso Fernández; Isabel Loza García e Ángel Carracedo, directores do Proxecto INNOPHARMA: Plataforma de Farmacoxenómica para o descubrimento temperá de medicamentos; Miguel López Pérez e Rubén Nogueira, investigadores Starting Grant que traballan no campo da obesidade e a neuroendocrinoloxía; e Anxo Vidal e Carmen Rivas, investigadores punteiros en oncoloxía.