Skip to main content

Alberto Ruano Raviña ingresa como académico correspondente na Academia de Farmacia de Galicia

Alberto Ruano Raviña ingresa como académico correspondente na Academia de Farmacia de Galicia
Alberto Ruano Raviña ingresa como académico correspondente na Academia de Farmacia de Galicia

O profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Alberto Ruano Raviña ingresa este mércores 22 como académico correspondente na Academia de Farmacia de Galicia. Na cerimonia, prevista para as 19.00 horas, pronunciará o discurso de ingreso titulado ‘Radón residencial, un problema de Saúde Pública en Galicia’. Doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago, con premio extraordinario de doutoramento, Alberto Ruano posúe unha carreira investigadora intensa. Nacido en Santiago en 1974, licenciouse en Farmacia en 1997 cunha nota media superior a sobresaliente. Ao finalizar os seus estudos obtivo varias bolsas competitivas do Ministerio de Educación e do Instituto de Saúde Carlos III. Conta cun Máster en Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias da USC e outro en Deseño e Estatística en Ciencias da Saúde da Universidade Autónoma de Barcelona. En 2002 comeza a traballar na Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia, simultaneando esta ocupación cunha praza de profesor asociado na área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago. Dende 2010 é profesor titular. No ámbito investigador dirixiu 8 proxectos competitivos de investigación, sete do Instituto Carlos III e un da Xunta de Galicia. Participou en investigacións europeas e norteamericanas e publicou máis de 70 artigos en revistas con alto factor de impacto como British Medical Journal, American Journal of Epidemiology, Epidemiology, Thorax ou European Respiratory Journal. Ten no seu haber tres premios de investigación por publicacións científicas e foi coautor do Manual da Organización Mundial da Saúde sobre radón residencial. É ademais investigador do IDIS e do nodo de Santiago do Centro de Investigación Biomédica en Rede en Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP). En 2006 realizou una estancia no Departamento de Xenética e Enfermidades Complexas da Escola de Saúde Pública de Harvard. É avaliador de proxectos da Axencia Nacional de Investigación e Prospectiva e do VII Programa Marco da Unión Europea. As súas liñas de investigación son epidemioloxía do cancro, especialmente de radón residencial, e avaliación de servizos e tecnoloxías sanitarias.

The contents of this page were updated on 05.21.2013.