Skip to main content

Sés, acompañada de Tito Calviño na guitarra, ofrecerá este xoves 23 un concerto acústico na Casa do Saber

María Xosé Silvar, Sés
María Xosé Silvar, Sés
A actuación da cantautora coruñesa, que se encadra no ciclo Lubicán 2013, comezará ás 20.30 horas e a entrada será de balde ata completar o aforo

A cantautora coruñesa María Xosé Silvar ‘Sés’ ofrecerá o xoves 23 de maio, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, un concerto acústico, no que estará acompañada polo guitarrista Tito Calviño.

Nesta actuación de Sés interpretará temas do seu repertorio e adiantará algunhas das composicións incluídas no seu último álbum ‘Co xenio destrozado’, un disco que sairá á venda o vindeiro 11 de xuño. Este concerto, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, encádrase no ciclo Lubicán 2013, un programa que chegará ao seu fin o 13 de xuño na Casa do Saber de Lugo coa actuación de Bristol e Tierra de cinco minutos. O novo disco de Sés, ‘Co xenio destrozado’, é un traballo feito con orgullo e identidade, frescura e vitalidade, no que a cantautora coruñesa pretende concentrar a potencia do directo nunha presa de cancións viscerais e chegas de paixón. Gravado nos estudios Bruar da Coruña e producido por María Xosé Silvar, a propia Sés conta neste novo traballo cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo). Formada na música e no baile tradicional, Sés, que é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social, publicou no 2011 o seu primeiro traballo ‘Admirando a condición’. Catro anos antes de que vira luz este proxecto “100% en galego e 100% feminino”, Sés formara xunto con outros amigos a banda ‘Chámalle Xis’, un dos grupos revelación do 2007 e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón.

A entrada ao concerto de Sés na Casa do Saber de Lugo será de balde, como todas as actuacións programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, aínda que o acceso de público estará limitado pola propia capacidade do aforo.

The contents of this page were updated on 05.22.2013.