A investigadora Patricia Horcajada impartirá unha conferencia sobre as estruturas metal-orgánicas e as súas aplicacións
A investigadora do instituto Lavoisier do CNRS UMR 8180 Patricia Horcajada impartirá este mércores 10 na USC a conferencia ‘Estruturas metal-orgánicas: da síntese ás aplicacións’. É unha sesión que comezará ás 12.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Farmacia organizada polo Departamento de Química Inorgánica. Patricia Horcajada é doutora en Química Inorgánica e máster en Farmacia e en Dirección Comercial e de Mercadotecnia de Industrias Farmacéuticas. Na actualidade e durante todo o 2013 traballa no grupo de investigación da profesora María José Alonso no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) no ámbito da nanotecnoloxía aplicada ao deseño de sistemas de liberación de fármacos. Os principais temas de investigación da doutora Horcajada están relacionados coa síntese e caracterización de materiais porosos baseados en estruturas metal-orgánicas (MOF, do inglés Metal-Organic Framework) e as súas bioaplicacións. Neste senso, as máis recentes investigacións parecen revelan a posibilidade de utilizar estes sólidos como sistemas de liberación controlada de fármacos.