Skip to main content

O profesor Alfonso Castiñeiras acaba de ser nomeado honoris causa por Granada

Alfonso Castiñeiras será investido doutor  por Granada
Alfonso Castiñeiras será investido doutor por Granada

En recoñecemento á súa traxectoria científica e á súa consolidada colaboración investigadora desde hai máis de 20 anos, a Universidade de Granada acordou concederlle o seu doutoramento honoris causa ao profesor da USC Alfonso Castiñeiras. Catedrático dende 1991, ten publicados preto de medio millar de traballos de investigación e figura no posto 131 da relacións dos 409 autores que se citan con máis de 500 entradas na Cambridge Structural Database. Ademais figura no sétimo posto da relación dos máis importantes investigadores de Galicia, sendo o primeiro da especialidade de Química Inorgánica, e no trixésimo sexto dos investigadores de Química Inorgánica residentes en España. O profesor Alfonso Castiñeiras realizou numerosas estadías de investigación no Institut für Anorganische Chemie da Univertidade de Tübingen, no Department für Chemie der Technische da Universidade de Múnich e no Institut für Chemie und Biochemie da Universidade Libre de Berlín (2001). Dirixiu unha ducia de teses de doutoramento e 21 proxectos de investigación. Ademais é editor de ‘USC Editora’ con competencia na área de Química, membro do consello editorial de Polyhedron, International Journal of Inorganic Chemistry e Journal of Materials, así como do International Advisory Board de Zeitschrift für anorganische und allgemeine Chemie. É avaliador científico de diversos organismos nacionais e internacionais e de más de 30 revistas científicas internacionais de alto índice de impacto nos campos da súa especialidade. As súas principais liñas de investigación están relacionadas con proxectos arredor da química supramolecular, enxeñaría cristalina e recoñecemento molecular; a análise estrutural por difracción de raios X de cristais únicos; o estudo das propiedades magnéticas, ópticas e de actividade nucleasa de sistemas metálicos con moléculas de interese farmacolóxico; ou sobre síntese e caracterización estrutural de clústeres de Cu(I), Ag(I) e Au(I) e estudo das súas propiedades luminiscentes e da súa actividade citotóxica, entre outras cuestións.

The contents of this page were updated on 04.12.2013.