A USC destinará ao período de exames máis de 2.000 postos de lectura en horario extraordinario
A Biblioteca Universitaria adiantará a este mesmo mes de abril a apertura de salas de lectura en horario extraordinario, ademais de que se engadirá a biblioteca de Filosofía aos espazos de estudo dispoñibles nesta época. Estas son as dúas novidades principais da convocatoria correspondente ao segundo semestre e cuxo obxectivo é optimizar a oferta de postos adecuándoos á demanda existente. Deste xeito, a USC destinará ao estudo en horario extraordinario máis de 2.000 prazas. Concretamente a partir do 22 de abril e ata o 16 de xullo a Biblioteca Concepción Areal de Santiago abrirá de luns a venres de 8.30 a 3.00 e de 10.00 a 3.00 horas nas fins de semana e festivos dos meses de maio e xuño. No mes xullo, a única variación será na quenda de luns a venres na que o período de apertura retrasarase ata as 9.00 horas e estenderase igualmente ata as 3.00 horas. Estes serán os mesmos horarios que se establezan na Intercentros de Lugo e na biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais en Santiago, entre o 22 de abril e o 12 de xullo. A Facultade de Filosofía permanecerá aberta entre os días 2 e o 27 de maio nas fins de semana e festivos, cun horario que abrangue de 10.00 a 3.00 horas. En setembro, entre os días 2 e 19, a Biblioteca Concepción Arenal abrirá de luns a venres de 8.30 a 3.00 e na fin de semana e festivo de 10.00 a 3.00 horas.