Skip to main content

A Cátedra Jean Monnet sobre ‘A cultura da integración europea’ da USC comezou a súa actividade

A Cátedra Jean Monnet sobre ‘A cultura da integración europea’ da USC comezou a súa actividade
A Cátedra Jean Monnet sobre ‘A cultura da integración europea’ da USC comezou a súa actividade

A Cátedra Jean Monnet ‘A cultura da integración europea’ da Universidade de Santiago é, ata o momento, a única das preto de 900 do programa homónimo da Comisión Europea dedicada ao estudo da relación entre literatura, arte, cultura e o proceso de integración europea. Iniciado en 1989, o programa Jean Monnet está presente en 72 países de todo o mundo A nova cátedra institucional da Universidade de Santiago celebrou este martes 16 a súa inauguración oficial cun acto presidido polo reitor Juan Casares na Casa Europa da USC. No acto participaron tamén o director do Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, Santiago Fernández Mosquera, e o director da Cátedra, César Domínguez, que a presentou e ofreceu unha conferencia sobre a dimensión cultural da europeización, unha das liñas de investigación que desenvolve. A actividade da Cátedra Jean Monnet ‘A cultura da integración europea’ da USC integra unha vertente docente, vinculada aos graos de orientación filolóxica e o de Historia da Arte así como a posgraos nestes eidos, e a unha vertente investigadora. Ambas as dúas teñen por obxectivo formar aos estudantes na importancia da cultura para a integración europea, incluíndo a literatura, o cine, as artes, a tradución e as políticas culturais da Unión Europea. A Cátedra xa tramitou un convenio de colaboración coa Fundación Galicia-Europa que, entre outras actividades, facilitará a formación do estudantado, así como actividades conxuntas coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal e o desenvolvemento dun programa de prácticas en empresas e institucións para estudantes. Ademais, o obxectivo último desta cátedra, logo do seu período de vixencia ata 2015, será a creación dun Centro de Excelencia Jean Monnet na USC dedicado ao estudo da cultura e a integración europea.

Ligazóns relacionados:

The contents of this page were updated on 04.16.2013.