O IV Encontro da rede de investigación en sintaxe dialectal Wedisyn comeza este xoves en Filoloxía
O IV Encontro da rede de investigación en sintaxe dialectal Wedisyn (Dialect Syntax in Westmost Europe) celebrarase este xoves 18 e o venres 19 na Facultade de Filoloxía da USC organizado polo Instituto da Lingua Galega, o grupo de investigación FILGA e o Departamento de Filoloxía Galega. A rede de investigación Wedisyn reúne a investigadores que se dedican ao estudo da sintaxe dialectal de variedades lingüísticas faladas no extremo occidental da Europa continental. No encontro que se celebra en Santiago de Compostela, de asistencia libre e gratuíta, presentaranse investigacións realizadas sobre o portugués, o asturiano, o español e o vasco. No Salón de Grao do centro compostelá a partir das 9.00 horas, o programa comezará cunha serie de relatorios sobre as construcións do infinitivo en asturiano, construcións causativas e perceptivas nun corpus dialectal do portugués, a selección do auxiliar en euskera ou as oracións condicionais no Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI), entre outros temas. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web do ILG http://ilg.usc.es/Wedisyn_2013/wedisyn-2013/.