Nova edición do campus de verán da USC para nenos e nenas de 3 a 13 anos

A Universidade compostelá convoca un ano máis unha nova edición do Verán CampUSC, unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos de idade que permitirá conciliar a vida laboral e familiar neste período de vacacións escolares. O programa, como explicou o vicerreitor Francisco Durán, serve ademais para fomentar entre os máis pequenos valores de convivencia e respecto polo medioambiente. Aínda que dirixida a toda a cidadanía de Santiago e arredores, a convocatoria contempla condicións especiais para os que sexan fillos e fillas do cadro de persoal e estudantado da USC, de asistentes a congresos e cursos de verán da institución e do persoal da Fundación USC Deportiva. Verán CampUSC 2013 desenvolverase en quendas de luns a venres en horario de 08:45 a 14:15 horas, entre o 25 de xuño e o 31 de xullo e desde o 2 ao 6 de setembro, cuns prezos que se manteñen fixos dende hai xa dúas edicións e con descontos en función do número de quendas e de rapaces que matriculen. As quendas a escoller son do 25 ao 28 de xuño, do 1 ao 12 de xullo, do 15 ao 19 de xullo, do 22 ao 31 de xullo e do 2 ao 6 de setembro. A programación inclúe, entre outras, actividades de ocio e tempo libre como obradoiros de pulseiras, máscaras, impresión á auga, cancións, excursións, e da práctica deportiva de esgrima, tenis, deportes de combate, psicomotricidade, orientación, xogos predeportivos ou populares. O xerente da Fundación USC Deportiva Desde este xoves 18 e ata o 5 de maio estará aberto o período de preinscrición para todo tipo de solicitantes. A listaxe de persoas admitidas publicarase o 7 de maio, que poderán formalizar a súa praza ata o 20 do mesmo mes efectuando o pagamento. Esta edición do Verán CampUSC está novamente organizada pola Fundación USC Deportiva a solicitude da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC. Colaboran o Servizo de Deportes da USC, a Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade e a Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco. O programa presentárono en rolda de prensa o vicerreitor de Cultura, Francisco Durán, e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida