Investigadores da USC utilizan a dinastía real dos Habsburgo como un laboratorio da consanguinidade da humanidade

O estudo da endogamia nas dinastías reais europeas de principios da Idade Moderna ten recibido pouca atención a pesar das vantaxes da súa utilización como modelos da endogamia humana. Neste senso e segundo investigadores do Departamento de Xénetica da Universidade de Santiago, os Habsburgo son unha das dinastías máis interesantes pola “súa política matrimonial”, responsable dun “caso extremo de persistente consanguinidade en xeracións”. Os investigadores da USC acaban de rematar unha nova análise sobre consanguinidade de toda a dinastía Habsburgo, cubrindo un período de 300 anos de xenealoxía (de 1450 a 1750) a partir da información dispoñible nas fontes históricas. Nun artigo que asinan Francisco Camiña Ceballos e Gonzalo Álvarez Jurado na revista Heredity, os investigadores calculan os coeficientes de parentesco e consanguinidade dos Habsburgo a partir dunha base de datos que inclúe máis de 4.000 persoas pertencentes a más de 20 xeracións entre pais e fillos. No período, engade Francisco Camiña, analizaron un total de 73 matrimonios pactados entre emperadores do Sacro Imperio Romano e reis da casa Habsburgo española, así como os seus fillos e os seus netos entre 1450 e 1750. O traballo de investigación desenvolvido sinala que o coeficiente de consanguinidade máis alto na dinastía dos Habsburgo produciuse na rama austríaca onde Maria Antoine de Habsburgo, filla de Leopoldo I e a súa sobriña Margarita de España (irmá de Carlos II de España), tivo un coeficiente de endogamia coeficiente de 0,3053, superior ao que se rexistra na descendencia dunha unión incestuosa (entre pais e fillos ou entre irmáns). Preto da metade dos matrimonios da casa Habsburgo alcanzan un coeficiente de parentesco máis alto que o correspondente á unión de primos, e practicamente o 20% dos matrimonios rexistran un parentesco superior ao que correspondería a unha unión entre un tío e a súa sobriña. A comparación destes promedios cos rexistros de depresión endogámica en poboacións humanas contemporáneas “poñen de manifesto o forte impacto da endogamia na supervivencia da proxenie dos Habsburgo”, explican Camiña Ceballos e Gonzalo Álvarez no artigo. O 10,4% da poboación presenta consanguinidade Os investigadores opinan que as dinastías reais da Idade Moderna “son perfectos laboratorios de consanguinidade”. A abundancia de información xenealóxica e demográfica ou o ambiente homoxéneo no que transcorren as súas historias persoais explican esta afirmación para engadir que “o 10,4 por cento da humanidade é consanguínea”, o que redunda na necesidade de coñecer os efectos dunha elevada consanguinidade nas poboación humanas. Francisco Camiña considera que a información demográfica dispoñible, con datos como o número de fillos de cada parella real ou a mortalidade dos menores, permite estudar os efectos da consanguinidade en supervivencia, fertilidade ou morbilidade. O investigador explica ademais que varios traballos demostraron de xeito empírico que as condicións nas que viviron os reis en practicamente cinco séculos non cambiaron, unha homoxeneidade ambiental “fundamental para poder establecer estudos que abarquen un período de tempo tan prolongado”. O estudo da consanguinidade nas poboación humanas é imprescindible para o estudo das enfermidades raras, engade Francisco Camiña, quen salienta ademais a utilidade desta liña de traballo para estudar a relacións entre o xenotipado e o fenotipado doutras doenzas máis comúns como a hipertensión, o asma, a gota, a depresión, o cancro ou a esquizofrenia, entre moitas outras. “A consanguinidade actúa a nivel do xenoma, polo tanto toca todo e intervén en todo” e pódese aproveitar o seu estudo para coñecer o funcionamento do xenoma, representando en moitos casos atallos para descubrir as bases xenéticas das enfermidades. Este traballo dos científicos da USC xa ten espertado interese en diferentes ámbitos, como demostra o artigo que está preparando para a próxima semana Nature News e o portal de noticias Materia.