Skip to main content

Seis solistas da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra interpretan a Mozart este martes na Casa do Saber

Solistas da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra que ofrecerán o martes 23 un concerto na Casa do Saber
Solistas da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra que ofrecerán o martes 23 un concerto na Casa do Saber
O concerto do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ comezará ás 20.00 horas e inclúe un cuarteto para óboe e corda e un quinteto para clarinete e corda

Seis solistas da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra ofrecerán este martes 23 un concerto, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Lugo. Nesta actuación, que se enmarca dentro do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013’, promovido polas entidades adheridas ao convenio Lugo Cultural, os seis solistas da Orquestra Filharmónica da Cidade de Pontevedra convidados interpretarán un programa musical íntegro de Mozart.

O concerto que ofrecerán os solistas José Ignacio García González (óboe), Francisco J. Mogarde Dobaño (clarinete), Micaela González Artime (violín), Sergio Heredia Cegarra (violín), Aida Álvarez Fernández (viola) e David Otero Domínguez (violonchelo) no auditorio da Casa do Saber de Lugo centrará a súa primeira parte no ‘Cuarteto para óboe e corda’, de Mozart, para logo continuar coa interpretación de ‘Quinteto para clarinete e corda’. Mozart rematou este quinteto, o único que compuxo para este instrumento o 29 de setembro de 1789 e dedicoullo ao seu amigo e clarinetista Antón Stadler. Os solistas da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra que integran o sexteto musical que ofrecerá este concerto de música de cámara no auditorio da Casa do Saber contan cunha ampla e coidada formación musical, ademais de acumular xa non pouca experiencia como concertistas e tamén en diversas orquestras.

O ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013’ chega ao seu ecuador co concerto destes seis solistas da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, a terceira das cinco actuacións programadas esta tempada. A entrada para o concerto será libre e de balde, do mesmo xeito que ocorre con todas as actividades programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural. O aforo do auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo é limitado e conta con preto de cen prazas.

The contents of this page were updated on 04.22.2013.