O número 24 da revista Sémata, primeiro da colección en formato dixital
O volume número 24 da revista Sémata. Ciencias Sociais e Humanidades, publicación da Facultade de Xeografía e Historia da USC, será o primeiro da colección que se edita en formato dixital dentro do Open Journal System. O novo número presentouse nun acto público este mércores na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia. Na presentación interviñeron o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o decano do centro, Juan Monterroso; a directora da revista Sémata, Marta Cendón; os coordinadores do volume, Manuel Núñez e Pilar Cagiao; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco. A presenza de España en América, título deste volume, foi tan intensa dende o punto de vista histórico que deu lugar a unha extraordinaria multiplicidade de enfoques de estudo dos que neste volume “se ofrece só unha pequena pero valiosa mostra”. No conxunto de contribucións destacan, polo seu número, as relacionadas coa historia da arte, abordando novas hipóteses e interpretacións por parte de recoñecidos investigadores na materia. Outras achegas, elaboradas por historiadores e xeógrafos, relaciónanse con diferentes momentos do proceso histórico durante o cal as relacións entre España e América se mantiveron a través dos últimos vínculos coloniais no séculos XIX e dos viaxeiros, da emigración e do exilio no século XX. Este monográfico, coordinado por Manuel Núñez Rodríguez e Pilar Cagiao Vila, docentes da USC, xunto con Víctor Mínguez Cornelles da Universitat Jaume I de Castellón, constitúe, ademais, unha sentida homenaxe póstuma da Facultade de Xeografía e Historia á profesora María del Carmen Rodríguez González, falecida cando o número se atopaba no prelo.
Sémata é unha revista interdisciplinar, de periodicidade anual, que publica traballos orixinais de investigación sobre calquera das especialidades relativas ao campo das Ciencias Sociais e as Humanidades. Os números teñen un carácter monográfico e rotatorio entre as áreas de Xeografía, Historia e Historia da Arte. A revista atópase indexada nas bases de datos CIRBIC, DIALNET, DICE, FRANCIS, LATINDEX, ISOC, Modernitas Citas, REBIUN, RESH, Ulrich’s Directory e MIAR. Conta cun índice de impacto en Humanidades de 4.380 (MIAR), unha valoración de difusión internacional do 10.5% (DICE), a categoría B (ANEP) e cumpre 32 dos 33 criterios de LATINDEX. O portal de Sémata publícase en galego, español e inglés e as linguas de publicación son o galego, portugués, catalán, español, francés, inglés, alemán e italiano.