O profesor José Antonio Souto Cabo busca no seu libro Os Cavaleiros que fizeram as cantigas as orixes da lírica galego-portuguesa
O profesor de Filoloxía Galega José Antonio Souto Cabo presenta este mércores 24 o seu libro Os Cavaleiros que fizeram as cantigas. Aproximação sociocultural às origens da lírica galego-portuguesa, publicado pola Editora da Universidade Federal Fluminense (Brasil). A partir das 18.30 horas na Facultade de Filoloxía, na presentación interveñen ademais a profesora Mercedes Brea e os profesores Henrique Monteagudo e Ermelindo Portela. O autor reconstrúe o perfil biográfico de todos aqueles trobadores cuxa actividade poética se puido situar antes de 1.230. Segundo Souto Cabo, a análise histórica e sociolóxica levada a cabo permite concluír que a lírica galego-portuguesa, con independencia das súas raíces tradicionais e populares, foi unha creación específica da Galiza durante os reinados de Fernando II e de Afonso IX. O obxectivo do traballo foi estudas as posibles vías polas que tería penetrado no noroeste da Península o lirismo trobadoresco de Provenza. José Antonio Souto coloca o punto de partida desa moda literaria no contacto da nobreza autóctona con varias liñaxes de orixe catalano-provenzal integradas no reino galaico-leonés de Fernando II e Afonso IX. De feito, o primeiro trobador de nome coñecido, Joán Vélaz (11589-1181), é o resultado da fusión das estirpes galegas dos Vélaz-Trabas coa catalá dos Cabreras, explica Souto Cabo. Por outro lado, diversos datos analizados inducen pensar que a poesía trobadoresca se difundiu a través da rede socio-familiar dos Trabas, a principal liñaxe nobre do país. Ademais de Joán Vélaz, intégranse nesa estirpe os nomes de Airas Oárez (antes coñecido como Airas Soárez), Fernando Pais de Tamalhancos, Garcia Méndez de Eixo, Joán Soárez Somesso, Osorio Eanes, Pedro Rodríguez da Palmeira e Rodrigo Díaz dos Cameros. O libro inclúe un apendice documental, cun importante conxunto de escrituras inéditas e outro xenealóxico relativo case á totalidade dos grupos familiares en que se integran os poetas considerados.