Afectados por retinose pigmentaria debaten no CIMUS con investigadores da enfermidade

O Centro de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS) abriu esta fin de semana as súas portas á celebración da I Xornada da Asociación Galega de Afectados por Retinose Pigmentaria. O encontro estaba concibido como unha xornada de saúde e convivencia entre as familias afectadas con este tipo de enfermidades e a comunidade científica galega, ademais de que albergou a celebración da Asemblea Xeral da Asociación. Un dos bloque centrais do programa desenvolvido no CIMUS foi a mesa dedicada ás novas estratexias xenómicas no estudo da retinose pigmentaria e aos avances na recuperación da visión. Ambas cuestións abordáronas a coordinadora do grupo de xenética de enfermidades cardiovasculares e oftalmolóxicas, María Brión, e o catedrático de Oftalmoloxía Francisco González.