A Facultade de Humanidades celebra este venres un acto académico na honra do seu patrón, San Isidoro de Sevilla
A Facultade de Humanidades do campus de Lugo celebrará este venres, día 26 de abril, a partir das 11.00 horas, o acto académico conmemorativo da festividade do seu patrón, San Isidoro de Sevilla. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a decana do devandito centro universitario lugués, María Isabel González Rey, serán os encargados de inaugurar esta cerimonia académica, que se desenvolverá no salón de actos da Facultade de Humanidades, no transcurso dunha sesión na que tamén fará uso da palabra o responsable do Servizo de Normalización Lingüista no campus de Lugo, Xusto Rodríguez.
A profesora do Departamento de Lingüística Xeral da Universidade de Barcelona e directora do grupo de estudos de linguas ameazadas, Junyet Figueras, ofrecerá o relatorio ‘Diversidade lingüística e creatividade’. Ao remate da intervención desta profesora catalá, a escritora e tamén profesora do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, Carmen Blanco, pronunciará un segundo relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Rosalía de Castro, creadora galega e universal’. A figura e a lembranza da escritora galega máis universal terá un protagonismo destacado neste acto académico organizado pola Facultade de Humanidades para conmemorar a festividade do seu patrón, San Isidoro de Sevilla. De feito, o programa do acto inclúe un recital de homenaxe a Rosalía de Castro co gallo da conmemoración do 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ , no que intervirán alumnos e outro persoal do centro universitario. Unha vez rematado o recital, que servirá de colofón deste acto institucional programado na Facultade de Humanidades, todos os asistentes que o desexen poderán compartir un viño na cafetería do centro universitario.