Unha investigación da USC sobre o cultivo do rodaballo gaña o Premio Syva á mellor tese doutoral en Sanidade Animal
O traballo de investigación ‘Edwardsiella tarda: patógeno emergente en el cultivo del rodaballo’ de Nuria Castro Iglesias, do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago, resultou gañador da XVI edición do Premio Syva á mellor tese doutoral en Sanidade Animal, froito dun convenio entre a Universidade de León e Laboratorios SYVA dotado con 15.000 euros. Entregoulle o premio este xoves 25 na Facultade de Veterinaria de León o director xeral de Laboratorios SYVA, Luis Bascuñán Herrera, que destacou a importancia da investigación en canto á súa cuantiosa achega ao sector da acuicultura e ao incremento da súa rendibilidade grazas a unha vacina adxuvantada que protexe as especies nun 90% durante 6 meses. Na súa intervención, Nuria Castro agradeceu a concesión deste premio apoiándose na importancia e escaseza de iniciativas que hoxe apoien o labor dos novos investigadores. Tivo tamén unhas palabras de especial agradecemento para as súas directoras de tese, Alicia E. Toranzo e Beatriz Magariños. A cerimonia de entrega presidiuna o reitor da universidade anfitrioa, José Ángel Hermida Alonso, e nela o profesor Ángel Alonso, un dos investigadores sobre cancro con máis prestixio internacional, pronunciou unha conferencia sobre o papiloma humano.