Skip to main content

Presentouse en Dereito a primeira Cátedra existente en Galicia dedicada ao colectivo do empresariado autónomo

A presentación da Cátedra celebrouse na Facultade de Dereito presidida polo vicerreitor Francisco Durán. Foto: Alfonso-Servimav
A presentación da Cátedra celebrouse na Facultade de Dereito presidida polo vicerreitor Francisco Durán. Foto: Alfonso-Servimav

. A USC e a Asociación de Autónomos de Galicia (Auga-UPTA) presentaron este venres 26 a primeira Cátedra existente en Galicia orientada á problemática dos/as autónomos/as e emprendedores/as. A presentación realizouse no transcurso dunha xornada sobre as cuestións laborais e fiscais deste colectivo cuxa inauguración presidiu o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e contou coa presenza do decano da Facultade de Dereito, Luís Míguez Macho; dos directores da Cátedra, o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, César García Novoa, e a profesora de Dereito do Traballo, Consuelo Ferreiro; así como do director xeral de Relacións Laborais, Odilio Martiñá; de Sebastián Reyna, en representación da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA); e de Lisardo Domínguez, de Autónomos de Galicia (Auga). Como se puxo de manifesto na presentación e no desenvolvemento da xornada, a Cátedra Extraordinaria de Traballo Autónomo da USC axudará a dar visibilidade ás cuestións que afectan no día a día a un colectivo que representas á cuarta parte da poboación activa da comunidade galega. O obxectivo da Cátedra será o estudo, difusión, debate e reflexión sobre cuestións relacionadas co marco xurídico, económico e social implícitas no contorno do colectivo de autónomos/as, para así atopar respostas e solucións así como formación especializada. En opinión dos seus promotores, a Cátedra “revélase como o foro idóneo para organizar encontros que permitan debater sobre os grandes problemas dos emprendedores e autónomos, un dos colectivos máis castigados coa crise”. Os directores da Cátedra, o profesor César García e a profesora Consuelo Ferreiro salientaron a importancia de vincular o traballo da Universidade coa sociedade. Neste senso, explicaron que a Cátedra terá dúas liñas de especialización: arredor das cuestións fiscais e tamén sobre as de índole laboral e de seguridade social. No primeiro caso, destaca a tributación como unhas das cuestións de maior actualidade en relación cos/as autónomos/as e os incentivos e axudas para iniciar unha actividade profesional. No ámbito laboral e da seguridade social, a Cátedra abordará os recentes cambios no mercado laboral e prestará atención igualmente ás novidades lexislativas sobre emprendemento.

The contents of this page were updated on 04.26.2013.